A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta semana a terceira reunión do Consello Asesor da Paisaxe

A Xunta organizará o primeiro Congreso da Paisaxe de Galicia en 2022 un ano no que quere consolidar a súa aposta pola protección paisaxística

Subliña que o vindeiro ano o seu departamento destinará o maior orzamento da historia ás políticas de protección da paisaxe, dándolle continuidade a medidas desenvolvidas xa con éxito e apostando á vez por pactos, plans e liñas novidosas

Tras un ano clave neste eido, a conselleira anuncia que a comezos de 2022 se someterá a información pública a Estratexia galega de infraestrutura verde co fin de implicar no seu desenvolvemento a cidadáns, administracións e entidades privadas

Tamén se elaborará un Plan de acción para a zona de Os Ancares-O Courel e un paquete de medidas de intervención e xestión dos recursos paisaxísticos no Xurés
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta organizará o ano que vén o I Congreso da Paisaxe e da Infraestrutura Verde de Galicia, un evento enmarcado no Ano Xacobeo 2021-2022 e con xornadas dirixidas tanto ao público en xeral como a colectivos profesionais especializados, co que se pretende poñer en valor todas as medidas impulsadas en materia paisaxística nos últimos anos e intercambiar experiencias públicas e privadas que poidan resultar de interese.

Esta é unha das principais novidades nas que traballa o Goberno galego con relación á protección e á ordenación da paisaxe de cara ao ano que vén, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención ante o Consello Asesor da Paisaxe, que esta semana celebrou a terceira reunión desde a súa posta en marcha.

Neste sentido, a responsable autonómica considerou que tras un ano “clave” no eido da protección da paisaxe —no que, entre outros logros, se emitiron máis dun milleiro de informes na materia, se aprobaron as Directrices da Paisaxe e se remataron as guías de miradoiros e de instalacións de abastecemento— a Xunta quere consolidar en 2022 os avances acadados e a súa aposta polo fermosismo. Para isto, o seu departamento destinará o maior orzamento da historia ás políticas destinadas á preservación, xestión e ordenación paisaxística, dándolle continuidade a medidas desenvolvidas xa con éxito e apostando á vez por pactos, plans e outras liñas de actuación novidosas.

En concreto, subliñou que un dos fitos que espera que marquen o próximo ano neste eido será o desenvolvemento da Estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, un documento clave que contará con dúas liñas de traballo principais: as áreas urbanas e metropolitanas —onde xa está iniciada a infraestrutura verde da cidade da Coruña— e os territorios incluídos nas sete reservas de biosfera de Galicia.

Ademais, avanzou que a comezos de 2022 esta Estratexia se someterá a información pública, un trámite co que a Xunta quere abrir un “amplo proceso de participación” para implicar no seu desenvolvemento á cidadanía e a institucións públicas e privadas.

Os Ancares-O Courel, O Xurés e Ribeira Sacra

Entre as accións novidosas previstas para o vindeiro ano, tamén cómpre subliñar a elaboración dun Plan de acción específico para a zona de Os Ancares-O Courel, asociado ás intervencións incluídas xa no Plan estratéxico da Consellería; e o impulso dun paquete de medidas de intervención e xestión dos recursos paisaxísticos no Xurés, un territorio que aglutina varios espazos naturais e áreas de especial interese paisaxístico.

De igual xeito, daráselle continuidade á Colección Paisaxe Galega do Instituto de Estudos do Territorio (IET) co obxectivo de que en 2022 se sumen á mesma tres novas guías de boas prácticas —a de cartelería; a de instalacións portuarias; e a de parques empresariais— e se actualice a Guía de estudos de impacto e integración paisaxística.

A estes novos retos e liñas de actuación sumaranse tamén o vindeiro ano outras medidas e accións que xa demostraron o seu éxito. Neste sentido, a reunión do Consello Asesor da Paisaxe serviu para confirmar que a Xunta continuará a avanzar na protección dun territorio amplo e rico como é a Ribeira Sacra a través do desenvolvemento do Plan de Acción e do Pacto pola Paisaxe aprobados para esta zona.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/12/2021