A Xunta recibe case 170 propostas na convocatoria de consultas preliminares ao mercado do plan de innovación de aldeas intelixentes

O plan enmárcase no concepto de Smart Villages da Unión Europea e ten como obxectivo a creación dun territorio rural intelixente no que se potencien os grandes valores das áreas rurais

Un total de 124 pemes e 44 corporacións participaron na convocatoria aportando un total de 168 propostas coas que dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consulta Preliminar ao Mercado do plan “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural rematou cun total de 168 propostas presentadas a través da páxina web oficial do proxecto.

O prazo iniciárase o pasado día 23 de novembro cunha xornada presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González, na que se presentara o plan “Aldeas intelixentes” e os catro retos propostos para impulsar a innovación das aldeas modelo de Galicia. A esta xornada asistiran de xeito presencial representantes de máis de 70 empresas e máis dun cento de entidades a seguiron por streaming.
Aldeas Intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles é un plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. O obxectivo é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático.

Solucións innovadoras

Co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, proporcionando ferramentas ás aldeas que permitan aproveitar as súas potencialidades, quérense desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo solucións innovadoras en catro liñas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais; solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas; sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e melloras no núcleo rural das aldeas modelo. Solucións baseadas na natureza e a transición enerxética.

Unha vez pechada esta solicitude, a principios de 2022 realizarase unha segunda petición de participación da Consulta Preliminar ao Mercado co fin de identificar necesidades específicas, definir os casos de uso e establecer aplicacións concretas para fixar o alcance de Aldeas Intelixentes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/12/2021