A Xunta e os grupos de desenvolvemento rural galegos traballarán na posta en marcha dos instrumentos de recuperación da terra agraria

Inés Santé salientou a importancia de que os propios grupos poidan aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporen á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico

Destacou que o traballo destes grupos favorece, en termos xerais, o desenvolvemento dos territorios, xa que facilitan o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural
 

Boqueixón (A Coruña), 27 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo esta mañá unha nova reunión da Mesa de coordinación dos grupos de desenvolvemento rural de Galicia, onde se abordaron os obxectivos e os instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, no marco do convenio asinado entre esta axencia e a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia.
Así, Santé salientou a importancia de que os propios grupos poidan aconsellar e orientar ás persoas mozas que se incorporen á actividade agraria en materia de información, formación, análises técnicas e asesoramento xurídico. Neste senso, a directora xeral reiterou que é fundamental que entre todos os organismos habilitados se ofreza un asesoramento e acompañamento ás distintas iniciativas de solicitude de polígonos agroforestais ou actuacións de xestión conxunta que se reciban, entre outros instrumentos de mobilización, no marco da nova Lei.

Do mesmo xeito, Inés Santé incidiu en que os 24 grupos de desenvolvemento rural deben estar vixiantes sobre a posible existencia de terras en abandono ou infrautilización e notificalo á Consellería do Medio Rural, co fin de impulsar figuras de recuperación que poidan poñer en valor esas terras. Desta forma, os interesados en implementar algún dos instrumentos de recuperación de terras ao abeiro desta Lei ou que queiran incorporarse á actividade agraria teñen máis opcións para informarse e asesorarse, ademais de facelo nas entidades vinculadas ao medio rural.

Neste senso, o traballo destes grupos -engadiu a directora- favorece, en termos xerais, o desenvolvemento dos territorios, xa que facilitan o intercambio de información e experiencias entre distintas zonas e axentes do rural.

Nesa liña, cabe sinalar que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural compensará os gastos nos que incorra a Asociación de GDRs de Galicia para levar a cabo os fins sinalados, ao ter asinado un convenio para colaborar na materia e que se prolongará ata o 31 de decembro de 2022, podendo prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais se as partes o consideran oportuno.

Ademais, na Mesa de coordinación tamén se abordou a vindeira convocatoria de axudas para o desenvolvemento de actuacións preparatorias para a elaboración das futuras estratexias de desenvolvemento local no período 2023-2027. Así, Santé explicou que os GDRs deberán desenvolver estratexias afíns ás novas políticas europeas como son o Pacto Verde, a Estratexia da Granxa á Mesa, a Estratexia de Biodiversidade para 2030 ou a Estratexia Forestal da UE e, para iso, contarán con preto de 900.000 euros. Ademais, sinalou, estas estratexias deberán precisamente aproveitar a potencialidade dos instrumentos e procedementos regulados na Lei de recuperación de terras para impulsar a actividade económica ligada ao sector agrario, así como a mellora da calidade de vida da poboación rural.

Órgano de traballo

Durante a xuntanza, a directora xeral agradeceu aos asistentes a vontade de seguir traballando a prol do rural, ademais dun compromiso por xerar sinerxías, priorizando a coordinación e a transversalidade. Precisamente, este órgano de traballo e participación, conta cunha periodicidade de celebración trimestral e permite, por unha banda, abordar temas e propostas de actualidade, procedementos, suxestións de cada un dos grupos, ademais da mellora da visualización do traballo de cada un dos GDR e da comunicación entre eles.
Por último, a directora trasladou o interese da Xunta en identificar aqueles proxectos que están funcionando nalgún grupo e que teñen capacidade de chegar á totalidade do territorio. Canalizados a través desta Mesa de coordinación -engadiu- deben servir para delimitar estratexias no conxunto da comunidade co obxectivo de concibir un rural galego vivo e con futuro.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/12/2021