A Xunta amplía a 15 edificios da provincia de Lugo a iluminación ornamental de benvida ao Ano Santo 2022

O delegado territorial, Javier Arias, subliña o éxito da iniciativa “Acende o Xacobeo”, que reedita tamén por segundo ano o concurso fotográfico

Lugo, 28 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ilumina 15 edificios emblemáticos da provincia de Lugo para darlle a benvida ao Ano Santo 2022, nunha edición ampliada da iniciativa Acende o Xacobeo a desenvolver nas fins de semana do Nadal e que comezou o pasado día 23.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, volverá iluminar entre o 30 de decembro e o 2 de xaneiro as localizacións seleccionadas, coa frecha frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 sobre un fondo azul. Con respecto ao ano pasado, sumáronse tres novos puntos en Triacastela, Monterroso e Palas de Rei.

Así, no Camiño Francés ilumínanse a Igrexa de San Miguel de Monterroso, as Casas Consistoriais de Palas de Rei e Triacastela, a igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, a de San Nicolas de Portomarín e a de Santa Mariña en Sarria.

No Camiño Norte, lucirán de novo a iluminación o mosteiro Benedictino de San Salvador de Lourenzá, a Catedral de Mondoñedo, a igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, e o Parador de Vilalba. No Camiño Norte elixíronse a Casa de Lemos de Chantada -Casa da Cultura- e a Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos. E por último no Camiño Primitivo acéndense a Catedral de Lugo, a igrexa de Santiago Apóstol de Castroverde, e a de Santa María da Fonsagrada.

No conxunto de Galicia ilumínanse medio cento de edificios distribuídos polos dez itinerarios xacobeos, e tamén se trasladou este proxecto ao resto das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño e ás Oficinas de España no Estranxeiro (OET) para que se poidan volver unir á celebración deste Xacobeo; xa están confirmados os primeiros oito emprazamentos internacionais en cidades como Dublín, Bruxelas ou Lisboa. O ano pasado a iniciativa permitiu iluminar máis dun cento de puntos por todo o mundo para darlle a benvida á celebración do Xacobeo, iluminándose emprazamentos en cidades como Londres, Dublín ou Torn, en Polonia.

Concurso fotográfico

Do mesmo xeito en que se fixo na primeira edición, Acende o Xacobeo tamén ten o seu concurso fotográfico nas redes sociais para animar a compartir esta iniciativa.

Os participantes só terán que publicar unha fotografía na que se vexan persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño de Santiago (@camino_xacobeo).

O concurso estará aberto ata o remate da iluminación e as tres mellores fotografías recibirán un premio consistente nunha estadía para dúas persoas nun fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/12/2021