A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu aos concellos un escrito explicativo das melloras deseñadas para o reforzo dos servizos, que se implantarán nas próximas semanas

A Xunta traslada aos concellos de Ferrolterra o próximo reforzo das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol, con 55 servizos directos máis á semana

A nova oferta potencia os servizos directos entre as cidades da Coruña e de Ferrol, ao tempo que optimiza os servizos dos traxectos intermedios, asegurando a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume

Haberá 11 expedicións por autoestrada máis cada día de luns a venres, un incremento superior ao 35%, que se centrarán nas franxas horarias de primeira hora da mañá e da tarde, onde se concentran os desprazamentos por motivos de estudos e de traballo

Mellórase a oferta de servizos ao CHUAC, con 6 novas expedicións directas que incorporan parada no hospital, e tamén aos campus universitarios, que estarán atendidos por un servizo que minimiza o impacto do desvío para o resto de usuarios

A conexión entre A Coruña e Betanzos contará con máis servizos por autoestrada, algúns dos cales realizarán o treito entre Ferrol e Betanzos por estrada

A pesar de que os concellos non realizaron achegas concretas á reestruturación das liñas, xa que as súas propostas se centraron unicamente no seu ámbito territorial máis próximo, a análise dos datos de demanda e as máis de 1.600 enquisas realizadas a bordo permitiron coñecer con maior precisión as necesidades dos usuarios

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta trasladou hoxe aos concellos da comarca de Ferrolterra o próximo reforzo das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol, con 55 servizos directos máis á semana.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu aos concellos un escrito explicativo das melloras deseñadas para o reforzo dos servizos entre as dúas áreas, que se prevén implantar nas próximas semanas e que inciden especialmente nas horas de maior demanda.

A Xunta mantivo unha xuntanza no mes de outubro cos alcaldes de Ferrolterra para abordar as necesidades dos seus municipios en materia de transporte público, en particular sobre a conexión coa Coruña.

O encontro enmarcouse nos traballos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade impulsou desde o mes de setembro para planificar, conxuntamente coa UTE titular da concesión, unha reestruturación dos servizos entre as cidades da Coruña e de Ferrol para atender o incremento da demanda detectado neste ámbito territorial.

Nesa reunión, os representantes municipais quedaron emprazados a participar coas súas propostas de mellora concretas no deseño da nova configuración dos servizos, sen que finalmente realizasen achegas concretas á reestruturación das liñas que conectan A Coruña e Ferrol.

As propostas dos concellos centráronse unicamente en melloras no seu ámbito territorial máis próximo, algunhas das cales se atenderán por tratarse de traxectos intermedios da conexión.

A pesar da implicación limitada dos concellos, a análise dos datos de demanda e das máis de 1.600 enquisas realizadas a bordo dos autobuses permitiron coñecer con precisión as necesidades dos usuarios.

Así, a nova oferta proposta potencia os servizos directos entre as cidades, con 55 expedicións por autoestrada máis cada semana, 11 ao día de luns a venres, o que supón un incremento superior ao 35% destes servizos.

As solucións deseñadas céntranse principalmente na atención da demanda específica das franxas horarias da primeira hora da mañá e da primeira hora da tarde, condicionadas polos desprazamentos por motivos de traballo e estudos entre as dúas cidades.

Así, dos 11 servizos por autoestrada que se engadirán cada día, 8 deles funcionarán nas horas punta. O incremento da oferta permitirá aos usuarios dispoñer de autobuses directos con horas de saída que chegan a estar separadas por só 30 minutos.

Os axustes nos itinerarios de entrada e saída da Coruña tamén permiten mellorar a atención de puntos de atracción de demanda significativos, como son o CHUAC e os campus universitarios na cidade da Coruña. O hospital gaña 6 novas expedicións directas ao día, mentres os campus estarán atendidos por un novo servizo que minimiza o impacto do desvío para o resto de usuarios.

Ademais das conexións entre as cidades da Coruña e de Ferrol, a proposta de reestruturación optimiza os servizos dos traxectos intermedios, asegurando a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume.

Nas horas punta, substitúense expedicións por estrada entre as dúas cidades por novos servizos por autoestrada entre A Coruña e Betanzos, mentres outros se transforman en semi-directos, realizando o treito entre Betanzos e Ferrol por estrada. Esta configuración axiliza a conexión coa Coruña por estrada para a cidadanía desta área nos momentos de maior demanda.

Paralelamente, harmonizaranse os servizos con outras concesións nas que existen duplicidades nestes itinerarios, de xeito que se garante a atención dos tráficos intermedios dun xeito máis eficiente.

Esta reestruturación e mellora responde á necesidade de adecuar os servizos ao incremento da demanda na conexión entre Ferrol e A Coruña que se produciu desde mediados de setembro.

Cómpre lembrar que a Xunta activou reforzos na capacidade dos servizos das horas punta nos últimos meses como medida provisional para garantir a atención aos usuarios.

Data de actualización: 29/12/2021