A Xunta activa os dous primeiros programas do novo plan Emprega Xuventude cos que busca a contratación dunhas 1.000 persoas mozas desempregadas

O Goberno galego convoca o programa Primeira experiencia profesional nas Administracións Públicas e o programa Investigo, aos que destinará 24 M€

Ambas as dúas iniciativas forman parte do Plan Emprega Xuventude que prevé en 2022 investimentos por valor de 51,8 millóns de euros

Coas liñas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) incentivarase a contratación de menores de 30 anos en situación de desemprego

Ofrécese sufragar os custos laborais de mozas e mozos contratados polas entidades públicas e organismos de investigación durante doce meses e a xornada completa

O prazo de solicitude abrirase o 3 de xaneiro con vixencia ata o 3 de febreiro

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta incentivará en 2022 a contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas por parte das administracións públicas e de centros e empresas que desenvolvan a súa actividade no campo da investigación, a tecnoloxía e a innovación. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe cadansúas convocatorias dos novos programas, Primeira experiencia profesional nas administracións públicas e Investigo, cos que aspira a que máis de 1.000 mozas e mozos poidan obter un contrato de doce meses e xornada completa. Ambos programas fináncianse cos fondos europeos de recuperación.

Os dous programas forman parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que o Goberno galego promoverá en 2022 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado cun total de 51,8 millóns de euros. Trátase de dirixir políticas específicas para este colectivo considerado prioritario.

Primeira experiencia na Administración

Coa primeira das liñas publicadas hoxe, a Xunta destina 11,2 millóns de euros para que a Administración Autonómica e as súas entidades instrumentais formalicen contratos en prácticas con traballadores e traballadoras menores de 30 anos e desempregados. Trátase de brindar aos máis novos unha primeira experiencia laboral, unha vez teñan completada a súa etapa formativa.

Neste marco a Xunta destinará o 20% dos fondos a incentivar a incorporación a empregos verdes -cos que se contribúe a preservar e restaurar o medio ambiente- como os relacionados coa agricultura, gandería e pesca; coa restauración de ecosistemas ou a implantación de modelos de explotación animal máis ecolóxicos e sustentables; ou as actividades de incremento da eficiencia do consumo de enerxía e materias primas. Outro 20% destinarase á liña de competencias dixitais e a porcentaxe restante a empregos en xeral. Estímase que o programa podería supor a contratación de ata 524 persoas.

A selección de candidaturas realizarase preferentemente a través das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. No proceso de selección terase en conta a adecuación dos candidatos ao posto, os estudos específicos sobre a materia e unha valoración curricular.

Emprego mozo na investigación

No caso do segundo programa, Investigo, a Xunta aspira a xerar emprego xuvenil no eido da investigación, da tecnoloxía e da innovación. As axudas, cun orzamento de 13,1 millóns de euros, están abertas a organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos, entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro e empresas que invistan en investigación e innovación.

Priorizaranse as ocupacións referidas á sanidade, transición ecolóxica e economía verde, así como as relacionadas con servizos de dixitalización e big data e proxectos de investigación no ámbito da cultura, as áreas sociais ou as artes. Calcúlase a empregabilidade dun máximo de 585 mozas e mozos grazas a esta iniciativa.

Ata 2.800 euros por mes e traballador

En ambos os dous programas, o Goberno galego sufragará os custos laborais e salariais das persoas que incorporen administracións ou entidades, que deberán estar contratadas por doce meses e a xornada completa. No de primeiro emprego esta contía variará entre os 1.783 euros e os 2.675 euros mensuais segundo a categoría profesional. No caso de Investigo establécese un rango que vai dos 1.867 euros por mes ata os 2.759.

O prazo de solicitude en ambos os dous casos abrirase o próximo 3 de xaneiro e terá vixencia dun mes.

Co Plan Emprega Xuventude, a Xunta promoverá en 2022 actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas. Dotado cun total de 51,8 millóns de euros, nace como iniciativa para apoiar a contratación e a formación da mocidade galega. No marco do mesmo, ademais de Primeira experiencia profesional nas administracións, e do programa Investigo (13,1 millóns de euros), impulsarase Talento 30 (22 millóns de orzamento) que incentivará e financiará a contratación de persoas mozas menores de 30 anos en empresas a través de contratos en prácticas ou de formación e aprendizaxe.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/12/2021