A Xunta reforzará as conexións de autobús entre o centro penitenciario da Lama e as cidades de Pontevedra e de Vigo, con horarios adaptados ás visitas dos internos

O centro disporá de 12 frecuencias directas con Pontevedra e 14 con Vigo, os mércores e venres pola tarde e os sábados e domingos para as visitas de mañá e de tarde

Prolóngase a liña actual Pontevedra-A Lama, que non chegaba ata o penal, e adáptanse os horarios

As conexións de Vigo e o cárcere pontevedrés refórzanse con horarios que melloran a súa funcionalidade para os visitantes

Os reforzos xa se abordaron cos responsables do centro penal co obxectivo de poder implantar os novos servizos en vindeiras semanas

A iniciativa englóbase na mellora continua dos servizos de autobús que realiza a Xunta e sitúa a comunidade como a primeira en dispor dun proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais

 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta reforzará as conexións de autobús entre o centro penitenciario da Lama e as cidades de Pontevedra e de Vigo, con horarios adaptados ás visitas dos internos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, elaborou un estudo pioneiro en España co obxectivo dotar os cinco centros penais de Galicia -o penal de Teixeiro, o de Bonxe, o de Monterroso, o do Pereiro de Aguiar e o da Lama- de mellores servizos de autobús, incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas destes centros.

Actualmente, o centro penal da Lama non dispón de servizos de autobús que o conecten directamente con Pontevedra. Para facilitar esta conexión, a Xunta prolongará a liña que une a capital de provincia e o núcleo municipal da Lama ata a parada situada no recinto do centro. Ademais, os horarios axustaranse para dar un servizo adecuado ás quendas de visitas establecidas no penal.

No caso de Vigo, existe xa unha liña entre a cidade e o municipio da Lama con parada no centro penal, pero será preciso adaptar as horas de saída dalgunhas das expedicións para mellorar a funcionalidade para os desprazamentos dos usuarios que se desprazan ao centro no horario de visitas aos internos.

Coa implantación das modificacións e reforzos propostos, o centro penal da Lama contará con 12 frecuencias á semana na súa conexión con Pontevedra e 14 con Vigo.

Desde Pontevedra, os usuarios disporán os mércores e venres dun servizo de ida, con chegada ás 14,05 horas, e un de regreso que se prestará baixo demanda, que sairá ás 19,05 horas, ao remate da quenda de visitas das tardes.

Os sábados e domingos, funcionarán 2 servizos de ida, con chegada ao penal ás 10,35 e ás 14,05 horas; e 2 servizos de volta, saíndo estes do centro ás 14,50 e ás 19,05 horas. Estes horarios permiten aos visitantes acceder ás quendas de locutorios das mañás e aos vis a vis polas tardes.

Desde Vigo as posibilidades para os traslados serán similares: os mércores e os venres, os usuarios contarán con 2 servizos de ida, con chegada ás 12,45 e 16,45 horas, e un de volta que será, como no caso de Pontevedra, baixo demanda, ás 19,55 horas.

Na fin de semana, a oferta mellórase con 2 servizos para as visitas da mañá, con chegada ás 09,45 horas e saída ás 13,10 horas; e outros 2 para as visitas da tarde, que chegarán ás 15,45 horas e regresarán a Vigo ás 19,10 horas.

A Xunta contou para o deseño destas melloras coa participación dos responsables do cárcere pontevedrés, para recoller as súas peticións particulares e incorporalas ao plan de mellora.

Responsables do centro trasladaron que as cidades de Vigo e de Pontevedra son a orixe da maior parte das visitas, que chegan ata as 200 nas quendas da fin de semana, polo que a Xunta centrou as actuacións principalmente neses días.

Deste xeito, a nova oferta atende as principais demandas de mobilidade entre o centro penal e as cidades da provincia, que contarán con servizos directos en horarios adecuados ás necesidades dos visitantes.

O pasado 22 de decembro abordáronse estes reforzos cos responsables do centro e o obxectivo da Xunta é implantar os novos servizos xa en vindeiras semanas.

A iniciativa englóbase na mellora continua dos servizos de autobús que vén realizando o Goberno galego e sitúa a comunidade como a primeira en dispor dun proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais para visitar aos internos.
 

Data de actualización: 30/12/2021