A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e a directora do Intecmar responderon a cadansúa pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Xunta aposta por avanzar na xestión sustentable da mexilla e do percebe e reitera a súa predisposición ao diálogo con todas as partes

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica explicou que a delimitación das zonas de extracción de mexilla se aplicou despois de meses de negociacións cos representantes dos bateeiros e das confrarías de pescadores e tras ter en conta os estudos realizados sobre a presenza dos dous recursos nas rochas

Mercedes Rodríguez salientou que as zonas acoutadas supoñen o 16% do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra e incidiu en que a extracción de semente de mexillón se triplicou nos últimos tres anos malia que xa en 2021 se aplicou unha delimitación de zonas semellante á actual

O Executivo galego lembra que fixo numerosas propostas na última reunión mantida co sector bateeiro e apela ao diálogo para chegar a acordos e impulsar a actividade de produción de mexillón en Galicia

A Xunta salienta que as mostraxes realizadas nos bancos marisqueiros de Arousa mostran bos índices de recrutamento das distintas especies e que desde 2017 aprobou medio cento de proxectos das confrarías da ría por importe de preto de dous millóns de euros para mellorar a produción marisqueira na zona
 

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, explicou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento que a Xunta aposta por avanzar na explotación sustentable do percebe e da semente de mexillón (mexilla) e reiterou a predisposición do Executivo galego ao diálogo con todas as partes implicadas.

Nese obxectivo, destacou, enmárcanse medidas como a delimitación de zonas para a extracción de mexilla decretada para esta campaña e incidiu en que a finalidade é acadar unha explotación responsable, racional e sostible dos distintos recursos ao tempo que se desenvolve unha actividade sustentable tanto en termos biolóxicos como económicos e sociais.

Esta medida, lembrou Mercedes Rodríguez, aplicouse tras meses de negociacións tanto cos representantes dos bateeiros como das confrarías de pescadores e despois de ter en consideración os estudos realizados sobre a presenza de cada recurso -mexilla e percebe- nas rochas e acoutar con total proporcionalidade aquelas zonas de especial sensibilidade para o percebe como exentas de extracción de semente de mexillón.

De feito, a representante da Consellería do Mar aclarou que a delimitación de zonas só afecta ao 16% do litoral das provincias da Coruña e Pontevedra, estando excluídas desa contabilización as praias e a parte dos espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas que xa estaban restrinxidos para a extracción de mexilla desde hai anos sen que se adoptasen novas medidas nestas zonas.

Estas zonas acoutadas, engadiu a directora xeral, son case as mesmas ca en 2021 e tense comprobado que non lastraron a capacidade do sector para abastecerse de semente de mexillón pois a extracción deste recurso mesmo se triplicou nos últimos tres anos malia esas restricións.

Propostas ao sector

Mercedes Rodríguez insistiu, non obstante, na necesidade de avanzar na xestión sustentable dos recursos a través do diálogo e da presentación de propostas, algo que a Xunta defendeu desde o principio. De feito, lembrou, na última reunión cos bateeiros a Consellería do Mar realizou ata cinco propostas, entre as que se inclúe a análise das alegacións presentadas polo sector á orde que delimita as zonas de extracción e ver a posibilidade de flexibilizar as zonas acoutadas.

A elas engadíronse outras como a posibilidade de manter a extracción de semente de mexillón durante todo o ano, a flexibilidade no número de cordas colectoras e a época de despregue, a instalación de hatcheries para a cría de semente ou a creación de polígonos de cordas colectoras.

Nesta liña, Mercedes Rodríguez trasladou o compromiso de diálogo da Xunta neste eido e apelou ao sector bateeiro a manter o mesmo talante para chegar a acordos e impulsar a actividade de produción de mexillón en Galicia. De feito, a representante do Executivo galego lembrou que nos últimos anos se prorrogaron en distintas ocasións os períodos de extracción de mexilla máis aló dos prazos ordinarios para facilitar a súa obtención en épocas de escaseza e tamén se ampliou o número de cordas colectoras para facilitar o labor dos bateeiros.

Marisqueo

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, pola súa banda, analizou a situación do marisqueo na ría de Arousa durante este ano e lembrou que no estado dos recursos inflúen factores ambientais como as condicións meteorolóxicas e marítimas, que poden causar episodios de mortalidade cando se producen choivas intensas e continuadas que fan baixar a salinidade dos bancos marisqueiros.

A representante do organismo dependente da Consellería do Mar engadiu a este condicionante a incidencia do patóxeno Marteilia cochillia na produción de berberecho pois provocou importantes mortalidades desta especie desde 2012, o que redundou na redución da súa presenza na ría de Arousa e nunha menor produción marisqueira global. Por iso, a Xunta desenvolveu nos últimos anos distintos proxectos co obxectivo de buscar estirpes de berberecho resistentes a ese patóxeno e mellorar a súa produción.

Ademais, lembrou, os datos da actividade do sector en 2020 e 2021 vense moi condicionados pola alerta sanitaria pola covid-19, que impediu que as campañas marisqueiras se desenvolvesen con normalidade ante as dificultades vividas para traballar e como consecuencia dos peches no sector da hostalería.

Non obstante, a directora do Intecmar destacou que as mostraxes realizadas nos bancos marisqueiros mostran bos datos de recrutamentos das distintas especies, pero que haberá que esperar un tempo para que a maioría de exemplares acaden talles comerciais. Nesta liña, tamén lembrou que a Xunta aprobou entre 2017 e 2020 máis de 40 proxectos das confrarías da ría de Arousa por importe de preto de 1,6 millóns de euros para actuacións coas que mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros.

Eses apoios permitiron a sementeira de preto de 20 millóns de unidades de ameixa babosa, a realización de arados ou o aporte de áridos nos bancos marisqueiros de Arousa. A esas achegas engádense as da convocatoria deste ano, na que se aprobaron outros oito proxectos por importe de máis de 230.000 euros para novas sementeiras, remoción de substrato e outras accións coas que mellorar a produción.

En canto á calidade das augas da ría de Arousa, a directora do Intecmar subliñou que a súa evolución é favorable, como mostra o feito de que oito das 20 zonas de produción de moluscos bivalvos en viveiros flotantes existentes na ría mellorasen a súa clasificación microbiolóxica desde 2009 e ningunha empeorase. Ao mesmo tempo puxo en valor o Plan de Control de Vertidos, unha potente ferramenta da Xunta de Galicia que permite coñecer, controlar e actuar con celeridade ante calquera vertedura que poida rexistrarse ao medio mariño.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 30/12/2021