Os establecementos de lecer nocturno que queiran optar ás axudas polo peche en Fin de Ano deberán comunicalo á Xunta antes da próxima medianoite

Os titulares destes locais deberán realizar unha comunicación previa a través do enderezo electrónico pechelecernocturno@xunta.gal durante o día de hoxe

No texto deberá facerse constar o nome e enderezo do establecemento, a identificación do titular e o CIF
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021.- Os titulares dos locais de lecer nocturno que decidan pechar os seus establecementos na fin de semana de Fin de Ano, entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, deberán realizar unha comunicación previa á Xunta de Galicia para poder optar ás axudas previstas polo Goberno galego para os supostos de peche, a través do enderezo electrónico pechelecernocturno@xunta.gal. O mail, que será requisito imprescindible para poder optar aos pagamentos, deberá ser remitido no día de hoxe, é dicir, antes das 00.00 horas deste 31 de decembro.

Os titulares dos establecementos deberán incluír nese correo electrónico os seguintes datos: nome do establecemento e enderezo, nome completo ou razón social do titular e CIF. A medida aparece recollida na orde da Consellería de Sanidade publicada onte no DOG -apartados sétimo e oitavo- na que se establecen as medidas específicas ante a situación acadada pola pandemia referidas ao lecer nocturno.

As axudas acordadas co sector suporán contías que varían en función da superficie dos establecementos. Así, para os locais de ocio nocturno que decidan pechar, prevense apoios de 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e para os que superen os 2.000 metros fíxanse 45.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/12/2021