O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria do ano 2021

A Xunta concede 177 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, cun investimento de máis de 906.000 €

As subvencións son de ata 4.000 € para os taxis de baixas emisións, 6.000 para vehículos de emisións cero e 10.000 para coches adaptados a persoas con mobilidade reducida

A Xunta vén de publicar en decembro unha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 € para mercar vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións
O Goberno galego, desde 2016, leva concedidas axudas por 3,6 M€ que facilitaron a compra de preto de 230 taxis adaptados, 316 de baixas emisións e 15 de emisións cero

A Xunta, a través destes incentivos, vén traballando para axudar aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias
 

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta concedeu no último ano 177 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento de máis de 906.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2021.

Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: http://xurl.es/pv99e

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Nova convocatoria


Cómpre lembrar que o Goberno galego continúa apoiando ao sector do taxi, polo que o mes pasado a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou ao colectivo dunha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 euros para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións, o que eleva as axudas concedidas polo Goberno galego a este colectivo a máis de 4 M€ desde o ano 2016.

Os novos incentivos da Xunta subvencionarán os vehículos adquiridos entre o 1 de outubro de 2021 e a data establecida para xustificar a axuda, ata o 31 de outubro de 2022.

O obxectivo é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.

Con esta nova orde de incentivos, a Xunta tamén aposta por axudar aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo.

O Executivo autonómico, desde 2016, leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/01/2022