Sogama adxudica a construción da planta de biorresiduos de Verín por preto de 6,7 millóns de euros

A instalación localizarase no polígono de Pazos e ocupará unha parcela de case 12.000 metros cadrados, que a empresa pública adquiriu por máis de 500.000 euros

Dará servizo a 22 concellos cunha poboación de máis de 48.000 habitantes, terá capacidade para tratar 3.000 Tn/ano de materia orgánica e 1.600 Tn de material estruturante, e estímase que producirá unhas 1.500 toneladas anuais de compost

A planta integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para que a maior parte dos concellos adheridos a Sogama accedan á valorización da materia orgánica
 

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través de Sogama, adxudicou á empresa Sociedade Anónima de Obras e Servizos COPASA a construción e posta en marcha dunha planta de biorresiduos en Verín (Ourense) por un importe de 6.685.442,21 euros.

A instalación, que se localizará no polígono industrial de Pazos, ocupará unha parcela de case 12.000 m2 pola que Sogama desembolsou máis de 500.000 euros. Terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, e estímase que producirá 1.500 toneladas/ano de compost, un abono de alta calidade que se aplicará no sector da agricultura e da xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

O proceso de compostaxe desenvolverase integramente nesta planta —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, que estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata.

Así mesmo, as instalacións estarán alimentadas con fontes renovables, sendo autosuficientes desde o punto de vista enerxético.

A previsión é que dea servizo a 22 concellos, que aglutinan unha poboación superior a 48.000 habitantes, e integrarase na rede de infraestruturas promovida e deseñada pola Xunta de Galicia a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama accedan á valorización da materia orgánica a través da compostaxe.

Marco de actuación

Cómpre lembrar que as entidades locais teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar o contedor marrón e recoller a través do mesmo e de forma diferenciada a fracción dos biorresiduos. Se ben se trata dunha competencia municipal, a Xunta decidiu no seu momento axudar aos concellos a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais, poñendo á súa disposición os medios necesarios.

A rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos: Cerceda (A Coruña) —xa en funcionamento—, Verín (Ourense), Cervo (Lugo) e Vilanova de Arousa (Pontevedra) —estas dúas últimas tamén recentemente adxudicadas—, así como por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos, posibilitando que a práctica totalidade dos municipios dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

Para toda esta rede estímase un investimento de 38,6 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER como resposta da UE á crise orixinada pola covid-19, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.

 

Data de actualización: 09/01/2022