Máis de 1.000 persoas aproveitaron a fin de semana de portas abertas do Espazo Amizar para coñecer o resultado das obras

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, anunciou que, ante a gran demanda de visitas, a Xunta organizará unha nova xornada de portas abertas esta fin de semana

A Coruña, 10 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, fixo balance das dúas xornadas de visitas guiadas ao novo edificio Amizar. Máis de 1.000 persoas aproveitaron a fin de semana de visitas guiadas para coñecer a reforma da antiga delegación de Sanidade de Gregorio Hernández reconvertida en edificio administrativo.

Nas visitas explicouse con todo detalle a historia, o proceso de recuperación e rehabilitación do inmoble e a nova distribución das novas dependencias. Todos os veciños que mostraron o seu interese por ver o interior do edificio puideron facelo. A partir de agora, completarase o traslado das dependencias e dos traballadores ata culminar o proceso de traslado dos 280 funcionarios que pasarán a ocupar esta nova sede administrativa.

Novas visitas guiadas

Como resposta á enorme demanda rexistrada a pasada fin de semana para visitar as novas instalacións de Amizar, a Xunta programou unha nova quenda de visitas para esta fin de semana o 15 e o 16 de xaneiro.

As visitas terán lugar este sábado 15 e domingo 16 de xaneiro en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. O acceso ás visitas volverá a ser libre e basta con presentarse na entrada principal uns minutos antes de cada recorrido. Durante a visita respectaranse todas as medidas de prevención sanitarias.

Este luns, 10 de xaneiro comezou o traslado do persoal ás novas dependencias e a mediados deste mesmo mes empezaran a abrirse os novos servizos que está previsto que se sitúen neste edificio emblemático da cidade.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, lembrou que o Espazo Amizar é unha obra singular vangardista e moderna desde o punto de vista arquitectónico e acollerá servizos públicos que se prestarán aos coruñeses das xefaturas territoriais das Consellerías de Política Social e de Emprego e Igualdade, tras un investimento da Xunta de 7 millóns de euros.

Ademais, lembrou Trenor, “este inmoble tamén reserva un espazo para entidades sen ánimo de lucro, que se repartirá, a través dun concurso público, para que poidan ocupar os 12 locais dispoñibles”.
 

Data de actualización: 10/01/2022