A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o delegado territorial da Xunta en Lugo entregaron esta mañá as chaves de catro VPP rehabilitadas polo IGVS

A Xunta entrega catro vivendas protexidas na Tinería a outros tantos mozos galegos e avanza que nos vindeiros meses prevé adxudicar seis máis

Os adxudicatarios acceden ás vivendas en réxime de alugueiro a cambio dunha renda mensual de entre 96 e 241 euros ao mes, en función das características do inmoble

Ángeles Vázquez subliña o feito de que todos os beneficiarios teñan menos de 35 anos e enmárcao na aposta da Xunta por dinamizar os centros históricos a través da rehabilitación e de axudas directas que fagan estas zonas máis atractivas para vivir
 

Lugo, 10 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia entregou esta mañá catro vivendas rehabilitadas na Tinería e adxudicadas en réxime de alugueiro. Con estas son xa máis dun cento as VPP recuperadas polo Goberno galego nesta emblemática zona da cidade de Lugo nas últimas dúas décadas, unha cifra que seguirá crecendo xa que neste primeiro trimestre está previsto que se entreguen outras seis neste mesmo barrio.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega das chaves dos seus novos fogares aos catro beneficiarios, tres mozos e unha moza de entre 26 e 35 anos que deste xeito se instalarán a vivir en pleno centro histórico lucense.

En concreto, trátanse de dúas vivendas localizadas no número 30 da rúa Tinería, recentemente rehabilitadas no marco do programa Rexurbe, unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo para comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co fin de reformalos con usos residenciais.

Os outros dous pisos están localizados no número 26 da mesma rúa e no número 2 de Recanto do Miño e aínda que neste caso xa foran rehabilitadas con anterioridade, o IGVS acaba de volver a adxudicalas despois de que quedaran libres.

En total, como explicou a conselleira, a Xunta investiu na posta a punto destas catro VPP preto de 650.000 euros, nas que os mozos e mozas adxudicatarios poderán iniciar o seu proxecto de vida a cambio dun alugueiro mensual de entre 96 e 241 euros, en función do tamaño e características das vivendas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou o feito de que todos os beneficiarios teñan menos de 35 anos, enmarcando esta circunstancia na aposta decidida da Xunta por dinamizar os centros históricos a través da rehabilitación do patrimonio xa construído e da concesión de axudas directas que fagan destas zonas lugares máis atractivos. “Cremos imprescindible que barrios como este da Tinería volvan rexurdir e o xeito de facelo é rehabilitando e facendo que a xente máis nova veña vivir a eles”, asegurou.

Así, lembrou que no marco da orde de subvencións de 2021 para a adquisición de vivenda en centros históricos —que por primeira vez desde a súa posta en marcha esgotou os 600.000 euros dispoñibles—, o seu departamento outorgou 65 axudas de ata 15.000 euros cada unha para facilitar a compra nestas zonas e indicou que catro de cada dez beneficiarios tiñan menos de 35 anos.

Rexurbe e 40 novas VPP en Garabolos


Ademais das catro vivendas entregadas hoxe na Tinería, a conselleira anunciou que a Xunta prevé adxudicar outras seis na mesma zona durante os vindeiros meses: cinco delas localizadas no número 15 da rúa Tinería, para as que xa foi solicitada a licencia de primeira ocupación o pasado verán; e unha máis en Recanto do Miño, número 17.

Do mesmo xeito, lembrou que no marco do programa Rexurbe o IGVS tamén adquiriu outros tres inmobles neste mesmo barrio, que serán rehabilitados para dispoñer de novas vivendas de promoción pública na cidade o antes posible.

A Xunta quere que este ano sexa clave para a rehabilitación residencial en Galicia e para isto mobilizará neste eido o maior orzamento da historia.

Ademais, no caso de Lugo, a Consellería destinará tamén 351.000 euros en 2022 a comezar a traballar no proxecto de construción de 40 novas VPP no barrio de Garabolos, outro proxecto importante para o parque público da cidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2022