A conselleira do Mar asistiu á reunión convocada pola confraría de pescadores para abordar o proxecto de rexeneración do esteiro coruñés

A Xunta está disposta a tramitar as indemnizacións dos mariscadores do Burgo sempre que o Goberno central transfira os fondos necesarios para facelo

Esa fórmula tería que executarse mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes que recolla os recursos a destinar e as obrigas de cada parte

O Executivo galego pedirá as explicacións e aclaracións pertinentes ao Estado sobre a reunión que mantivo onte por videoconferencia coa confraría de pescadores e á que a Administración autonómica non foi invitada

A Coruña, 11 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que a Xunta está disposta a asumir a xestión e tramitación das indemnizacións para compensar aos profesionais da ría do Burgo polas obras de dragaxe do esteiro sempre e cando o Goberno central transfira á comunidade os fondos necesarios para facer fronte a eses pagos. A representante do Executivo galego aclarou que esa fórmula tería que executarse mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre as partes que recolla os recursos a destinar e as obrigas de cada parte.
Rosa Quintana manifestouse así trala reunión mantida cos representantes da confraría de pescadores da Coruña, onde lle expuxeron a proposta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico lles transmitiu nun encontro mantido onte por videoconferencia, motivo polo que non asistiu ningún representante da Administración estatal -malia que estaba previsto- á xuntanza celebrada na sede da confraría.
Ante esta situación, a titular de Mar subliñou que o Executivo galego pedirá as explicacións e aclaracións pertinentes ao Estado sobre unha reunión á que a comunidade non foi invitada. “Nós estamos a apoiar ao sector. Son 80 familias que necesitan o noso apoio e, se o Goberno central considera que é moi gravoso para el tramitar 80 expedientes de subvención, nós podemos facer a tramitación administrativa sempre e cando exista ese convenio no que o Estado faga chegar o importe correspondente para pagar as indemnizacións”, aseverou Rosa Quintana.

Responsabilidade estatal

Neste sentido, a representante da Xunta lembrou que as obras de dragaxe e as correspondentes indemnizacións son competencia e responsabilidade do Goberno central, como acredita un informe independente elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela. Por iso, incidiu en que o Executivo galego non pode adiantar os cartos para indemnizar ao afectados por estas obras dado que non son de competencia autonómica. Do contrario, estaría cometendo un incumprimento grave dos procedementos administrativos.
“Pode haber algún malentendido, pero o Estado sabe que a Xunta non pode facer un adianto de diñeiro para unhas obras que non son súas. Ten que existir un convenio onde a partida orzamentaria con cargo á que se van aboar as axudas exista e haxa crédito suficiente para poder pagalas. É o máis básico nun procedemento administrativo”, salientou a titular de Mar.
Ante esta situación, o Executivo galego tratará de corroborar co Ministerio para a Transición Ecolóxica “as promesas” realizadas ao sector na xuntanza mantida onte e verá a posibilidade de celebrar unha reunión a tres bandas na que afondar nesa ou noutras posibilidades.
A Xunta considera necesario e prioritario acadar unha solución para evitar prexuízos aos profesionais do sector, polo que a conselleira lamentou a “pouca seriedade” do Goberno central neste asunto ao non aportar ningunha solución aos afectados en máis de dous anos. Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que xa en 2019 a comunidade ofreceu a posibilidade de elaborar un plan social no que participasen todas as administracións implicadas e tamén foi quen expuxo a necesidade de recorrer a fondos europeos para poder desenvolver os traballos.
A titular de Mar tamén recordou que se a Xunta atendese a petición do Executivo estatal de suspender os plans de xestión do marisqueo antes de empezar e de licitar as obras, as mariscadoras e mariscadores da Coruña levarían máis dun ano sen poder traballar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/01/2022