Encontro entre o presidente da Xunta de Galicia e o Consejo Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI)

Feijóo destaca a Galicia como potencia exportadora ao superar por 5º ano consecutivo os 20.000 M€ e sitúa as relacións con Iberoamérica como claves para a reactivación

Sinala a posta en marcha desde a Xunta da Estratexia para a Internacionalización das Empresas galegas (2021-2025) co obxectivo de apostar pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores, incrementando a presenza de Galicia especialmente fóra da Unión Europea

O presidente de CEAPI en Galicia anunciou que o V Congreso Iberoamericano CEAPI se celebrará o 1 e 2 xuño de 2022 en República Dominicana, converténdose así no primeiro escenario latinoamericano para a celebración do encontro empresarial máis importante a nivel internacional

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a Galicia como potencia exportadora ao superar por quinto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros de exportacións -dous meses antes de pechar 2021- e situou as relacións con Iberoamérica como claves para a reactivación da economía. Fíxoo nun encontro empresarial organizado polo Consejo Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI), que contou coa presenza do presidente de CEAPI en Galicia, Manuel Rodríguez Vázquez, e líderes empresariais da rexión iberoamericana.
Durante o encontro, Feijóo destacou como os datos de reactivación de Galicia deixan ver “unha economía asentada sobre raíces resistentes”. Deste xeito, sinalou que no terceiro trimestre de 2021 Galicia creceu un 3,2% con respecto ao mesmo período de 2020; que a produción industrial crece máis que o conxunto de España (9,3% respecto ao 7,4%); e que a Comunidade galega rexistrou a menor cifra de paro en decembro de toda a serie histórica.
Así, o titular do Goberno galego referiuse tamén aos datos de 2020, un ano dificilísimo, no que Galicia foi quen de realizar o 8% das exportacións de España. Neste sentido, explicou unha das medidas da Xunta para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, a posta en marcha da Estratexia para a Internacionalización das Empresas galegas (2021-2025) co obxectivo de favorecer a dixitalización e diversificación dos mercados exportadores, aspirando a incrementar especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea. Trátase dunha iniciativa baseada na aposta pola innovación, a captación de talento, o acompañamento nos mercados de destino e a difusión de casos de éxito.
“Galicia mira a Iberoamérica disposta a ofrecer oportunidades de investimento na Comunidade e a aproveitar en beneficio mutuo as que Iberoamérica ofrece para o noso tecido empresarial”, dixo Feijóo, ademais de explicar o que Galicia xa se ten feito: máis de 730 millóns de euros en exportacións galegas a América Latina nos primeiros dez meses de 2021 ou as máis de 2.100 empresas que exportaron a algún dos países no mesmo período.
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tamén lembrou que unha das cualidades de Galicia é a estabilidade do seu Goberno e a aposta por facilitar a recuperación, que evidencia no feito de que desde o 1 de xaneiro xa están en vigor os orzamentos máis altos da historia, 11.600 millóns de euros, cunha nova batería de rebaixas fiscais. Do mesmo xeito, destacou a Lei de Simplificación Administrativa e a Lei de Áreas Empresariais, ambas para impulsar a actividade empresarial; puxo de manifesto a solidez de candidatura aos fondos Next Generation da Unión Europea; e salientou a nitidez e claridade na folla de ruta galega amosada nos grandes obxectivos do Plan Estratéxico 2021-2030.
O presidente de CEAPI en Galicia finalizou o encontro recordando que el V Congreso Iberoamericano CEAPI se celebrará o 1 e 2 xuño de 2022 en República Dominicana, converténdose así no primeiro escenario latinoamericano para a celebración do encontro empresarial máis importante a nivel internacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2022