A Xunta investirá 3,5M€ na nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, comprobou as melloras levadas a cabo o ano pasado ao abeiro desta orde en Trazo e Tordoia

O representante do Goberno galego lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 13 proxectos en 14 concellos da comarca de Santiago que contaron cunha axuda da Xunta de máis de 434.000 euros e que mobilizaron case 800.000 euros

Trazo (A Coruña), 12 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e os alcaldes de Trazo e Tordoia, Josefina Suárez e Eduardo Antonio Pereiro, visitaron a zona na que se levaron a cabo as obras de mellora da capa de rodaxe na estrada de Viaño Pequeño en Trazo ata o lugar de Campos en Tordoia. Trenor destacou que esta actuación contou cun apoio da Xunta de 50.000 euros e supuxo un investimento total de máis de 245.000 euros. O delegado da Xunta puntualizou que esta obra permitiu mellorar a calidade de vida dos veciños garantindo a seguridade nun tramo de elevado tráfico tanto peonil como rodado. O representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor o exemplo de colaboración destes concellos á hora de presentar un proxecto conxunto o que permite aforrar custes e ser máis eficaces no gasto público.

Trenor destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos municipios en canto á prestación de servizos.

O delegado da Xunta lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 13 proxectos en 14 concellos da comarca de Santiago que contaron cunha axuda da Xunta de máis de 434.000 euros e que mobilizaron case 800.000 euros nos concellos de Tordoia-Trazo, O Pino, Ordes, Boqueixón, Negreira, Frades, Val do Dubra, Oroso, Boimorto, Touro, Vedra, Padrón e Rois.

Nova convocatoria

Na visita, Trenor anunciou que o Diario Oficial de Galicia, publicou onte unha nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais ao longo do ano 2022, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros. Os concellos interesados teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes.

Equilibrio territorial

Desde a creación da orde, no ano 2009, a Administración galega mobilizou máis de 40 millóns de euros para financiar 1.372 proxectos en concellos de toda Galicia. O obxectivo desta liña de axudas é garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.
A crise sanitaria fixo aínda máis necesaria esta iniciativa que parte da Vicepresidencia primeira da Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, xa que os pequenos concellos atópanse con serias dificultades para atender os servizos que precisan os seus cidadáns.
Con esta finalidade, a orde regula as actuacións ás que se poderán acoller as Administracións locais interesadas, e que se refiren a obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; obras de pavimentación de camiños públicos municipais; obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís; obras de construción, ampliación, rehabilitación e mellora de dependencias municipais e obras de construción, ampliación ou mellora de instalacións deportivas de uso público.
Poderán beneficiarse desta subvención os concellos galegos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, reúnan os seguintes requisitos: ter menos de 30.000 habitantes e ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/01/2022