O delegado territorial, Javier Arias, supervisou no lugar de Trascastro o inicio destas obras de restauración

A Xunta inviste 400.000 euros na recuperación do potencial forestal nos concellos do Incio e Samos

Actuarase nunha superficie de case 86 hectáreas, situada en catro montes veciñais en man común xestionados polo Goberno galego

A recuperación das superficies danadas polos lumes é fundamental para non perder as potencialidades produtivas, sociais e ambientais dos montes, protexendo así os solos afectados e rexenerando a cuberta vexetal
 

O Incio (Lugo), 13 de xaneiro do 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou esta mañá no lugar de Trascastro (O Incio) o inicio das obras de restauración do potencial forestal danado por un incendio mediante a restauración hidrolóxica-forestal. Estas actuacións levaranse a cabo en varios montes dos concellos lugueses do Incio e de Samos. O delegado estivo acompañado polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, e pola xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias.
Ditas obras contan cun orzamento de algo máis de 400.000 euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), e afectan a unha superficie total de 85,98 hectáreas. A maioría dos traballos realizaranse no monte veciñal en man común de Trascastro. Tamén se intervirá nos montes de San Pedro e Ferrería e Coto Redondo, no concello do Incio, e no monte de Coto Redondo, no concello de Samos. Todos estes montes están baixo a xestión da Xunta, a través dos respectivos convenios coas comunidades de montes veciñais en man común propietarias.
Javier Arias sinalou que con estas actuacións “preténdese recuperar o potencial forestal e a corrección dos desequilibrios hidrolóxicos ocasionados na cabeceira dos arroios”. Isto conseguirase coa creación de masas forestais en 50 hectáreas, a través da reforestación de case 30 hectáreas con piñeiro do país (Pinus pinaster) e piñeiro rubio (Pinus sylvestris), e a través de axudas para a rexeneración natural noutras 20, con bidueiro (Betula celtibérica).
Do mesmo xeito, as actuacións incrementarán a protección contra os lumes das masas creadas coa execución de máis de 30 hectáreas de devasas con pasteiros, a mellora de 12 quilómetros de vías e a construción de dous puntos de auga, amais da apertura dun novo tramo de pista de 600 metros e a creación de catro hectáreas de faixas de xestión da biomasa.

Compromiso da Xunta

A recuperación das superficies danadas polos lumes é fundamental para non perder as potencialidades produtivas, sociais e ambientais dos nosos montes, protexendo en primeiro lugar os solos afectados e rexenerando a cuberta vexetal dun xeito ordenado.
Así, esta iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía. Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2022