A Xunta apoia 26 proxectos da provincia de Pontevedra con 7,5 M€ ao abeiro do programa "Galicia Emprende" e abre o prazo de solicitude da súa vertente rural

O delegado territorial, Luis López, informa destas resolucións na súa visita ao Centro Automotriz Croix de Pontevedra, beneficiario dunha achega de 30.000€ na anterior convocatoria para a compra de maquinaria para a modernización da súa actividade

A liña Galicia Emprende do Igape mobilizará preto de 20 M€ de investimentos de emprendemento en toda Galicia, uns 10 M€ na provincia, para o desenvolvemento de 52 proxectos en toda a comunidade

Pontevedra, 13 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai apoiar un total de 26 proxectos industriais da provincia de Pontevedra ao abeiro do programa Galicia Emprende, que vén de resolverse con 7,5 millóns de euros en achegas para estas iniciativas. Paralelamente, este departamento autonómico tamén vén de abrir o prazo de solicitude de axudas no marco da liña Galicia Emprende Rural, que permanecerá aberto ata o 8 de marzo e que se orienta a actividades nas zonas rurais, das que só se exclúen as sete cidades galegas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou destas resolucións na súa visita á empresa pontevedresa Centro Automotriz Croix, un taller de reparacións eléctricas de vehículos que foi beneficiario dunha achega de máis de 30.000 euros na convocatoria anterior e que se orientou á adquisición de maquinaria para a modernización da súa actividade.

“A capacidade de emprendemento e de traballo dos galegos e as súas ansias de crecemento e modernización para as súas empresas merecen o máximo apoio da Xunta, que impulsa cada ano decenas de liñas de axudas para favorecer o constante ascenso empresarial, con moito emprendemento e innovación, que se está a producir en Galicia”, significou o representante autonómico.

Luis López revelou que o programa Galicia Emprende vai impulsar un total de 52 proxectos en toda a comunidade, dos que a metade pertencen á provincia de Pontevedra, cunha mobilización de 19,5 millóns de euros en investimentos, que alcanzarán os 10,1 millóns nesta área. As achegas da Xunta roldan o 75% de cada actuación de emprendemento.

Ao abeiro desta orde, levaranse a cabo iniciativas empresariais diversas que abranguen a sectores como os servizos, a política social, a hostalería, o comercio e incluso a investigación con clínicas de estética, firmas eléctricas, residencias, fábricas de madeira ou restaurantes, entre outros. Ademais, este respaldo complementarase coa apertura de espazos de coworking en Vilanova de Arousa e Lalín, orientados principalmente ás bisbarras do Salnés e Deza-Tabeirós.

Tras rematar esta resolución, o Igape vén de abrir unha nova convocatoria, a do Galicia Emprende Rural, que se orienta a proxectos de emprendemento non agrícola en calquera dos concellos galegos a excepción das sete cidades. Esta nova orde pretende impulsar ata 70 iniciativas cuns 200 novos empregos grazas a unha contía de 2 millóns de euros en axudas da Xunta.

A liña oriéntase a actividades vencelladas a sectores como o medioambiental, novas tecnoloxías, enxeñería, arquitectura, veterinaria, artesanía, comercio polo miúdo ou restauración e as súas axudas oscilarán entre os 20.000 e os 45.000 euros para un plan empresarial de negocio de ata 18 meses para o que recibirán un adianto do 60%.

Finalmente, e tras informar destas resolucións, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Economía, Empresa e Innovación, Tomás Nogueiras, coñeceu a iniciativa de emprendemento do Centro Automotriz Croix financiada ao abeiro destas axudas e que consistiu na creación dun taller de reparacións eléctricas de vehículos con maquinaria de última xeración que permite realizar as operacións de mecánica rápida en menor tempo e coas máximas garantías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2022