A Xunta destina 18 M€ ao programa Galicia Exporta para impulsar a internacionalización de 850 pemes e autónomos ao longo do 2022

Feijóo salienta que a previsión é mobilizar 24 millóns de euros este ano

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta destinará 18 millóns de euros ao programa Galicia Exporta para impulsar a internacionalización de 850 pemes e autónomos ao longo de 2022.

Logo de salientar que a previsión é mobilizar este año 24 millóns de euros, o presidente da Xunta explicou que este programa de apoio á internacionalización conta con tres liñas en marcha: Galicia Exporta Dixital, Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios.

No que atinxe ao Galicia Exporta Dixital, Feijóo explicou que se destinan 4,4 millóns de euros para abrir novas canles de comercialización e a axuda oscilará entre os 14.400 e os 80.000 euros por autónomo ou empresa. Súmanse os 6M€ da convocatoria que está actualmente en fase de resolución.

En canto aos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5 millóns de euros, Feijóo incidiu en que, ademais de pemes e autónomos, tamén se poden beneficiar destas axudas “asociacións empresariais, consellos reguladores ou centros tecnolóxicos”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2022