A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os seus homólogos reuníronse por videoconferencia co comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius

Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias trasladan a Europa que a súa información demostra que o estado de conservación do lobo é favorable no seu territorio

“Tanto a avaliación da dinámica das poboacións, como a área de distribución e a calidade do hábitat para a especie resultan a todas luces favorables”, subliñan

As comunidades que albergan preto do 98% do lobo en España advirten que o Goberno central enviou datos erróneos á UE cos que agora pretende xustificar a súa inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial

Solicítanlle ao comisario europeo que se establezan criterios homoxéneos a nivel supranacional para modular axeitadamente estas avaliacións e pídenlle que analice a situación provocada por unha decisión “incomprensible”

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021
Compartir
  • whatsapp

Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias trasladaron hoxe á Unión Europea que os exhaustivos informes elaborados por estas comunidades autónomas demostran que “o lobo ao norte do Douro goza dun estado de conservación favorable”.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Guillermo Blanco; e o conselleiro de Desenvolvemento Rural de Asturias, Alejandro Calvo, reuníronse hoxe por videoconferencia co comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius.

Durante a xuntanza, os representantes autonómicos sinalaron que “tanto a avaliación da dinámica das poboacións, como a área de distribución e a calidade do hábitat para a especie resultan a todas luces favorables” nas comunidades que albergan preto do 98% da especie, polo que resulta “incomprensible” a decisión de incluír o lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) tamén nos seus territorios.

Esta información foi a que remitiron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para elaborar o informe sexenal (2013-2018) que cada Estado membro debe remitir á Comisión Europea, de conformidade co artigo 17 da Directiva Hábitats. Non obstante, tal e como advertiron ante Sinkevičius, o Goberno central fixo a súa propia interpretación das avaliacións e datos das comunidades, e trasladou á UE conclusións erróneas para xustificar unha decisión ”meramente ideolóxica e non avalada pola ciencia”.

“Modificáronse criterios estatísticos que concluíron o estado como desfavorable e desembocaron nesta situación”, sinalaron as comunidades, que deixaron claro que os seguimentos poboacionais que fan de xeito continuo as catro comunidades, baseados en metodoloxías aprobadas e validadas pola comunidade científica, son “a mellor información dispoñible”.

Nesta liña, engadiron que cos datos que manexan “queda patente que o estado biolóxico da especie non xustifica a súa inclusión na Lesrpe, sen prexuízo do valor cultural, científico e ecolóxico da mesma, o cal é plenamente compatible coa xestión que se viña facendo polas comunidades”.

Criterios homoxéneos a nivel supranacional

Dado que o cambio de parecer do Goberno central se baseou neste erro, os conselleiros aproveitaron a reunión para solicitar ao comisario europeo o establecemento de criterios homoxéneos a nivel supranacional para modular axeitadamente estas avaliacións, que “condicionan de forma crucial a catalogación dunha especie”.

“O Goberno central foi máis aló dos requirimentos das directivas europeas, en contra das recomendacións do Parlamento Europeo e xerando problemas onde non debe habelos, enarborando como escusa o artigo 17 da Directiva Hábitats e xerando unha desafección sobre a propia Comisión Europea que debemos reverter”, apuntaron.

Así mesmo, lembraron que con carácter previo á promulgación da orde ministerial, a xestión do lobo ibérico víñase desenvolvendo en España no marco legal establecido pola Directiva Hábitats da UE e o Convenio de Berna, é dicir, cumprindo plenamente coa normativa comunitaria e os convenios internacionais.

Por último, fixeron fincapé no “prexuízo” que se causa á inmensa maioría de gandeiros e traballadores agrícolas, quen son os principais afectados polos ataques e danos producidos polo lobo. “Preocúpanos que a nova situación orixinada, en lugar de facilitar a coexistencia e convivencia da gandería e o lobo, produza o efecto contrario”, concluíron.

No marco de todo o exposto, os conselleiros de Galicia, Castela e León, Cantabria e Asturias solicitáronlle ao comisario de Medio Ambiente que analice a situación, tendo en conta que as decisións “han de estar baseadas nos mellores datos dispoñibles e buscando acordos coas entidades e sectores afectados”, algo que non ocorreu nesta ocasión.

Ademais, adiantáronlle que enviarán á Comisión os seus propios datos e análises para que poida corroborar o estado favorable da especie nos seus territorios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2022