A Xunta investirá arredor dun millón de euros na primeira fase de reordenación e humanización do porto de Palmeira

A actuación menor que se atopa en execución no peirao ten carácter provisional e busca analizar o comportamento desta zona portuaria que integra o uso profesional co desfrute por parte dos veciños e visitantes

Ribeira (A Coruña), 13 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten previsto investir arredor dun millón de euros no porto de Palmeira, no municipio coruñés de Ribeira, na que será a primeira fase da súa remodelación para conectar o núcleo costeiro co mar e eliminar as barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou esta mañá a zona acompañada polo alcalde de Ribeira, co obxectivo de valorar in situ os traballos realizados e as posibles adaptacións ás demandas locais.
A presidenta reiterou ao alcalde que a actuación menor de ordenación da superficie portuaria que se está a executar nestes días ten carácter provisional á espera da contratación, proximamente, da primeira fase do proxecto global. Polo que respecta a dita actuación menor, trátase duns traballos puntuais para distribuír espazos na explanada portuaria ordenándoos segundo os usos: portuarios ou de tránsito peonil ou rodado. Así mesmo, preténdese poñer en valor a contorna natural e a integración paisaxística deste peirao histórico eliminando pantallas visuais que existían na actualidade e procurando a integración de actividades.
Neste sentido, a representante do ente dependente da Consellería do Mar explicou que os elementos instalados nesta obra menor buscan analizar o comportamento desta zona portuaria -que integra o uso profesional co desfrute por parte dos veciños e visitantes- son susceptibles de cambiar de lugar. Nesta liña, trasladou Susana Lenguas, poden realizarse modificacións atendendo tanto ás demandas do sector profesional do porto como dos veciños e ao estudo dos resultados acadados coa solución adoptada inicialmente.

Unha vez executada esta actuación provisional, Portos de Galicia continuará coa licitación da primeira fase, correspondente coa vía portuaria, cuxo orzamento ascende a máis dun millón de euros.

Esta proposta e o investimento previsto dan conta do compromiso do ente público co obxectivo de remodelar o paseo marítimo da localidade, humanizar as instalacións e achegar a vila ao mar para o desfrute de veciños e visitantes de xeito compatible coa actividade portuaria.

Para a execución deste ambicioso obxectivo, baseado no anteproxecto integral da Fundación Ría e dirixido polo recoñecido arquitecto David Chipperfield, Portos de Galicia conta coa colaboración do Concello de Ribeira, co que o ente público asinou un convenio en virtude do cal a Administración local asumirá o mantemento unha vez rematados os traballos.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/01/2022