O presidente da Xunta reuniuse este mediodía coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Feijóo traslada á vicepresidenta Ribera a oportunidade que a fábrica de fibras téxtiles e o centro de economía circular supoñen para afrontar a transición enerxética en España

Resalta a necesidade dun acordo global para desenvolver a industria eólica mariña e terrestre na Comunidade

Incide no enorme risco industrial que supón para o país o apagado das cubas de Alcoa: “Non podemos quedar sen a única planta de aluminio primario de España”, di, ademais de recalcar a urxencia de activar as cubas sen esperar a 2024

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, a oportunidade que a fábrica de fibras téxtiles e o centro de economía circular, que optan aos fondos europeos Next Generation, supoñen para afrontar a transición enerxética en España.

“Acordamos seguir avaliando ambos proxectos que cremos poden ser moi interesantes para os plantexamentos medioambientais do Goberno central”, dixo logo da reunión, recordando que a fábrica de fibras téxtiles é clave para seguir aproveitando toda a capacidade forestal instalada na comunidade e, adicionalmente, o proxecto de economía circular permitiría tratar 7 millóns de toneladas de xurro, procedente sobre todo do gando vacún.

O titular da Xunta aproveitou tamén a xuntanza para trasladar a necesidade dun acordo global para desenvolver a industria eólica mariña e terrestre na Comunidade. “Creo que é imprescindible facelo porque España e Galicia precisan máis enerxía verde”, dixo, incidindo na importancia de que o Goberno central se incorpore ao Observatorio de eólica mariña a nivel galego que integra á industria, ao sector pesqueiro e á Administración autonómica, para estudar de forma conxunta como desenvolver esta enerxía, tendo en conta todos os intereses.

“Sería bo buscar a complicidade de ambas administracións, porque as dúas queremos facer parques cumprindo a lexislación ambiental, asegurando os dereitos das persoas no territorio e incrementando a capacidade enerxética de España”, abundou, recordando que, no tocante á eólica terrestre, Galicia conta cun plan sectorial que indica onde se poden desenvolver os parques.

Así mesmo, o titular da Xunta expresou novamente a preocupación polo impacto que o encarecemento da enerxía ten na industria electrointensiva e hiperelectrointensiva en Galicia e, a tal efecto, avanzou a decisión da Xunta de introducir un artigo na Lei de áreas empresariais para que as empresas que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía (PPA) teñan prioridade na tramitación.

Nesta mesma liña, Feijóo fixo fincapé no “enorme risco industrial” que supón para o país o apagado das cubas de Alcoa. “Non podemos quedar sen a única planta de aluminio primario de España”, sentenciou, ademais de recalcar a urxencia de activar as cubas sen esperar a 2024 e na disposición do Executivo galego para a firma de PPAs.

“E non podemos quedarnos tampouco sen industria pasteira”, engadiu, referíndose a Ence e á posibilidade de adscribir a factoría aos terreos da Autoridade Portuaria de Marín.

Por último, e sobre as axudas a proxectos localizados dentro das zonas de transición xusta -5 na zona de Cerceda e 14 na das Pontes-, o presidente da Xunta instou ao Goberno a permitir que as comunidades participen no deseño das iniciativas, co obxectivo de garantir a maior eficiencia no emprego dos fondos públicos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/01/2022