A Xunta apoia a dotación de equipamento do GES da Cañiza coa entrega dun camión de emerxencias para intervencións en incendios

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe deste vehículo 4x4 tipo Bomba Rural Pesada equipado para intervir en lumes urbanos, industrias e forestais e que permite acceder a todo tipo de zonas

A Xunta investiu case 200.000 euros na adquisición deste camión que permitirá ofrecer unha atención máis eficiente ao GES de A Cañiza, que dá cobertura ás incidencias deste concello e aos de Arbo, Covelo e Crecente

O Goberno galego reafirma o seu compromiso no ámbito das emerxencias e leva investidos case 20 millóns de euros nos últimos anos en material cedido aos GES e aos servizos de Protección Civil

A Cañiza (Pontevedra), 15 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao GES da Cañiza dun camión de emerxencias para atender incidencias relacionadas con lumes urbanos, industriais e forestais, que tivo un custo de case 200.000 euros. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.
Trátase dun camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP) totalmente equipado e que permite o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños. Este vehículo conta con tracción integral 4x4, unha cisterna de auga de capacidade de 3.000 litros, ademais dunha bomba centrífuga con presión combinada para o lanzamento de auga en alta ou baixa presión, o que aumenta a eficacia na extinción dos lumes e reduce a afectación na zona.

A Xunta apoia así o equipamento de emerxencias deste Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Cañiza, creado o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- e que permite mellorar a cobertura dos municipios de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente.

Ao mapa de emerxencias de Galicia incorporáronse o ano pasado este grupo xunto cos de A Lama e Mos/Redondela, en Pontevedra; A Veiga e Maceda, en Ourense; e o servizo municipal de emerxencias de Noia no marco dun mesmo convenio entre Xunta, deputacións e concellos. Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laboráis e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.

O Goberno galego reafirma con entregas como as de hoxe o seu compromiso coa creación e mantemento dos GES. Nesta liña, nos últimos anos a Xunta realizou un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios investimento de case 20 millóns de euros, máis de 11 millóns para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e 8 millóns de euros para os GES.

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do funcionamento do custo anual dos GES, con máis de 40 millóns de euros investidos nos últimos anos. Así, dos 19,7 millóns de euros do orzamento global asinados a 30 de decembro de 2021 para o funcionamento dos GES durante os vindeiros anos , a Xunta achegará 10,3 millóns -o 52,2%- co obxecto de garantir o óptimo funcionamento destes grupos.

No caso das AVPC, a Xunta destina 340.000 euros anuais para os seus gastos de funcionamento, a través dunha orde de axudas, da que a convocatoria deste ano se publicará este mes.

Ademais de apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como no seu funcionamento, contribúe á súa formación desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Por iso, Alfonso Rueda destacou a necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/01/2022