O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, asinan un convenio de colaboración

A Xunta e o Parlamento de Galicia recuperan o programa 'Coñece as túas institucións' para impulsar a cultura democrática entre o alumnado

A actividade artellarase a través de visitas didácticas de escolares de 5º e 6º de Primaria e de Secundaria ás sedes de ambas institucións

Román Rodríguez salienta a importancia de fomentar que “os nenos de hoxe se convertan en cidadáns do mañá preparados para exercer os seus dereitos democráticos de xeito responsable e activo”

A Consellería de Educación impulsa estas competencias de xeito transversal e a través da materia de libre configuración ‘Valores democráticos Europeos’
 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha da segunda edición do programa Coñece as túas institucións. O obxectivo desta iniciativa é fomentar unha cidadanía democrática e responsable entre o alumnado.

A actividade, que quedou interrompida ao inicio da pandemia, retómase de novo e, como xa ocorreu en cursos pasados, artellarase a través da organización de visitas didácticas de escolares de 5º e 6º de Primaria e de ESO ás sedes de ambas as dúas institucións, Xunta e Parlamento, de xeito que reciban información sobre o desenvolvemento das principais funcións de cada unha delas nos lugares onde se realizan e material didáctico específico.

Tal e como sinalou o conselleiro, o obxectivo deste programa é “promover o achegamento e dos máis novos sobre os poderes lexislativo e executivo de Galicia”. Neste sentido, sinalou que “acadar un maior coñecemento sobre estas institucións vai contribuír de forma decisiva a que os nenos de hoxe se convertan en cidadáns do mañá preparados para exercer os seus dereitos democráticos de xeito responsable e activo”.

Promoción de valores

Román Rodríguez lembrou tamén que o Goberno galego promove a formación do alumnado en valores democráticos, para o exercicio das competencias sociais e cívicas, así como para a interacción e participación no ámbito público desde os principios de democracia, transparencia e Goberno Aberto.

“Ademais desta iniciativa, impártese a materia de libre configuración autonómica Valores democráticos Europeos en 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria, que ten por obxecto promover os valores necesarios para o exercicio dunha cidadanía democrática e para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria, transparente e crítica”, engadiu o conselleiro. Cursan esta materia este curso un total de 229 alumnos galegos

Solicitudes

Os centros participantes en Coñece as túas institucións formarán grupos dun mínimo de 20 e un máximo de 55 participantes, incluídos as persoas responsables do acompañamento. Para o desenvolvemento das visitas o alumnado distribuirase en grupos nun número que se considere axeitado ao mellor aproveitamento da visita sen que esta interfira na actividade das institucións.

Xunta e Parlamento promoverán, impulsarán e divulgarán o programa entre os centros docentes. Ademais, financiarán o trasporte dos nenos desde os centros educativos ata Santiago de Compostela.

As visitas desenvolveranse durante o segundo e terceiro trimestre do curso 2021-2022 e durante os cursos 2022-2023 e 2023-2024, e o alumnado acudirá ao Parlamento e á Xunta na mesma xornada. A web do Parlamento ten dispoñible material didáctico orientado ao profesorado e o alumnado, coa finalidade de que poidan preparar a visita. Así mesmo, no portal da Cámara galega (que xestionará as visitas) estarán dispoñibles os formularios de solicitudes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2022