A Xunta impulsa con 2,5 M€ o labor de 91 asociacións de comerciantes a prol da competitividade do sector

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións

Apóiase así o desenvolvemento de iniciativas que buscan atraer clientela e mellorar os servizos que ofrece o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) os apoios concedidos por preto de 2,5 millóns de euros a 91 asociacións de comerciantes para apoiar o labor que realizan na dinamización e impulso da competitividade do sector.

En concreto, a través da orde de apoios para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, concedéronse axudas por máis de 2 millóns de euros, co obxectivo de impulsar o comercio de proximidade nas vilas e cidades galegas mediante iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que desde o comercio se ofrecen aos consumidores.

Resultaron beneficiarios 53 centros comerciais abertos e 24 asociacións de praceiros, que con estas axudas puideron poñer en marcha ou manter iniciativas dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados, así como campañas de dinamización comercial. Tamén se incluía na convocatoria o desenvolvemento de sistemas centralizados de envío e entrega a domicilio, ou a contratación de servizos externos para a xestión de contidos nas redes sociais. No caso das asociacións de praceiros, obtiveron ademais apoios para iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos.

Por outra parte, a través da orde de axudas para asociacións de comerciantes a nivel comarcal, provincial ou autonómica ou as federacións para o impulso das compras de proximidade a través do tícket de dinamización comercial resultaron beneficiadas 14 entidades, con apoios que suman máis de 428.000 euros.

‘Marketplace’

A estas resolucións súmase a das axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, que tamén vén de publicarse. A través deste programa concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan concellos de menos de 10.000 habitantes, Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e unha federación de comerciantes.

Así, impúlsanse accións de promoción comercial e de acceso a innovadoras canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/01/2022