A Xunta investirá 3,5M€ na nova convocatoria da orde de infraestruturas de uso público destinada aos concellos

O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, comprobou as melloras levadas a cabo o ano pasado ao abeiro desta orde en Muros

O representante do Goberno galego lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 2 proxectos na comarca do Barbanza en Muros e Lousame que contaron cunha axuda de 45.000€ e mobilizaron máis de 65.000€

Muros (A Coruña), 14 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e alcaldesa de Muros, María Inés Monteagudo, visitaron a zona na que se levaron as obras de mellora dos parques infantís e zonas deportivas de Muros. As actuacións centráronse no parque infantil do CEIP de Louro, na zona deportiva da praia de San Francisco-Louro e nos parques infantís da capela de Espírito Santo, de Furón e Valdexería, da praia de Ventín, de Esteiro e Caballeira, e no de Esteiro Chaira.

Trenor destacou que esta actuación contou cun apoio da Xunta de 28.000 euros e supuxo un investimento total de máis de 40.000 euros. O delegado da Xunta puntualizou que esta obra permitiu mellorar e adaptar as zonas de xogos e deportivas existentes en distintos puntos das parroquias de Muros, procedendo á retirada de todos aqueles xogos que puideran resultar perigosos e nos cales non era posible a súa reparación por novos elementos de xogos.-

Trenor destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos municipios en canto á prestación de servizos.

O delegado da Xunta lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 2 proxectos na comarca do Barbanza que contaron cunha axuda da Xunta de 45.000 euros e que mobilizaron máis de 65.000 euros nos concellos de Muros e Lousame.

Nova convocatoria

Na visita, Trenor anunciou que o Diario Oficial de Galicia, publicou onte unha nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais ao longo do ano 2022, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros. Os concellos interesados teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes.

Equilibrio territorial

Desde a creación da orde, no ano 2009, a Administración galega mobilizou máis de 40 millóns de euros para financiar 1.372 proxectos en concellos de toda Galicia. O obxectivo desta liña de axudas é garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.
A crise sanitaria fixo aínda máis necesaria esta iniciativa que parte da Vicepresidencia primeira da Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, xa que os pequenos concellos atópanse con serias dificultades para atender os servizos que precisan os seus cidadáns.
Con esta finalidade, a orde regula as actuacións ás que se poderán acoller as Administracións locais interesadas, e que se refiren a obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; obras de pavimentación de camiños públicos municipais; obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís; obras de construción, ampliación, rehabilitación e mellora de dependencias municipais e obras de construción, ampliación ou mellora de instalacións deportivas de uso público.
Poderán beneficiarse desta subvención os concellos galegos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, reúnan os seguintes requisitos: ter menos de 30.000 habitantes e ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2022