Crece a economía social en Galicia con 174 novas empresas creadas en 2021 que suman 521 persoas socias promotoras

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, expuxo ante o pleno do Consello da Economía Social cifras que evidencian o crecemento desta actividade

Destaca a presenza maioritaria de mulleres socias promotoras nas cooperativas que se crearon en 2021 ao superar por primeira vez o 50%

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

Galicia conta na actualidade con 3.150 entidades de economía social activas: 1.571 sociedades cooperativas, 1.448 sociedades laborais, 117 centros especiais de emprego e 14 empresas de inserción. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe, no pleno do Consello da Economía Social, que en 2021, e a pesares da situación pandémica, creáronse na comunidade 174 novas iniciativas que aglutinan 521 persoas socias promotoras.
A conselleira quixo destacar a ampla presenza de mulleres que, no caso particular das cooperativas creadas en 2021, supoñen case o 51% das persoas socias.
Potenciar esta fórmula de desenvolvemento económico que preconiza valores como o da solidariedade, a democracia empresarial e mesmo o apego co territorio, é unha das prioridades coas que traballou o Goberno galego que en 2021 incidiu nas actuacións de acompañamento a iniciativas da economía social, formación, divulgación e comunicación deste modelo económico, principalmente a través da Rede Eusumo, que na actualidade conta con 87 entidades adheridas.
Así, tal e como deu a coñecer Lorenzana ante o pleno de hoxe, o Goberno galego asesorou un total de 174 proxectos de negocio o ano pasado e titorizou a 278 persoas, das que o 58% foron mulleres. En canto á formación en economía social, celebráronse 77 cursos para mellorar as capacidades técnicas do persoal das entidades do sector nas que participaron máis de 1.000 alumnos, unha vez máis, con maioría feminina, que se situou no 68%.
Máis de 1.300 persoas tomaron parte ademais nas actividades divulgativas para dar a coñecer esta oportunidade de emprendemento en Galicia. A Xunta mantén abertas liñas de apoio económico para a posta en marcha, difusión, funcionamento e creación de emprego na economía social ás que se destinaron en 2021 case 30 millóns de euros. En 2022, soamente para a creación e o fomento do emprego na economía social destinaranse 35 millóns de euros.


Novo catálogo


O pasado maio, a Consellería de Emprego e Igualdade creou o primeiro catálogo de entidades e empresas de economía social de Galicia, reunindo nun único lugar as compañías deste ámbitos que constaban dispersas en diferentes rexistros administrativos.

O catálogo é aberto e está a dispor de calquera persoa interesada no enderezo: (www.catalogoeconomiasocial.gal). No mesmo aparecen recollidas máis de 7.000 referencias de entidades e empresas da economía social nas que ademais das fórmulas empresariais -cooperativas (son o 22,5%), sociedades laborais (20,5%), empresas de inserción laboral (0,20%) e centros especiais de emprego (1,6%)- constan entidades doutra natureza como comunidades de montes en man común ( o 42,75%), sociedades agrarias de transformación (10,3%), Confrarías (0,89%), agrupacións forestais (0,61%), montes de varas (0,45%), sociedades de fomento forestal (0,20%), comunidades de bens (0,14%) e mutualidades (0,04%).

Grazas ao catálogo, incidiu Lorenzana, a Xunta está a mellorar no estudo do impacto económico deste modelo empresarial cara a definir novas actuacións de futuro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2022