O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou a oferta ás organizacións sindicais na mesa sectorial

A Xunta convocará 2.628 prazas en 61 especialidades nas oposicións de educación de 2022

Máis do 87% das prazas son de novo ingreso, 950 delas para mestres, 1.171 para ensino secundario, 45 para docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para os de artes plásticas e deseño

Inclúense 144 prazas para as especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, cuxa convocatoria será separada e lanzarase unha vez se publique a nova lei estatal de Formación Profesional

A maiores, unha vez o Goberno Central publique o novo real decreto que modificará o sistema, convocarase un concurso de méritos ata superar as 3.000 prazas

As probas celebraranse nos meses de xuño e xullo e nelas rexerá o procedemento habitual

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, presentou esta mañá ás organizacións sindicais na mesa sectorial a oferta de prazas que se van convocar neste ano 2022 para as oposicións de educación. Será un total de 2.628 prazas, distribuídas en 61 especialidades, das que máis do 87% son de novo ingreso e as restantes son de promoción interna.

No caso das prazas de novo ingreso, 950 serán para mestres, 1.171 para ensino secundario, 45 para docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para os de artes plásticas e deseño.

No caso da promoción interna, haberá 10 prazas para o acceso ao corpo de inspectores de educación, 298 para acceder ao corpo de profesores de ensino secundario e as outras 2 para o de artes plásticas e deseño.

A convocatoria destas prazas, que acumulan as ofertas de emprego de 2021 (xa aprobada) e 2022 (que se aprobará no próximo Consello da Xunta), publicarase antes de que remate o mes no Diario Oficial de Galicia.

Profesores técnicos de FP

Exceptuaranse desta convocatoria 144 prazas en total correspondentes ás especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP, un corpo que desaparece na nova lei educativa estatal e que deberán agardar á concreción que resulte da publicación da lei de FP por parte do Goberno central, tanto no referido ás especialidades que pasarán ao corpo de profesores de ensino secundario como no que atinxe ao desenvolvemento do corpo de especialistas de sectores singulares da FP. En calquera caso, estas prazas quedarán aprobadas na oferta pública de emprego de educación da Xunta de 2022, para así poder convocalas en canto sexa posible.

Como é normativo, reservarase unha cota do 7% do conxunto para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. A distribución de prazas por especialidades pode consultarse no dossier adxunto.

Procedemento habitual

As probas para estas 2.484 prazas (tendo en conta que as de profesores técnicos de FP aínda non se poden convocar) celebraranse nos meses de xuño e xullo polo procedemento habitual. Deste xeito, dáse tranquilidade aos opositores e blíndase a seguridade xurídica do proceso.

Neste sentido cómpre lembrar que o Ministerio de Educación anunciou no medio do Nadal a súa intención de, transitoriamente e ata 2024, facer cambios no sistema de oposicións para favorecer que os interinos acaden praza e que se reduza ao 8% a temporalidade no ensino, unha cifra que Galicia xa rexistra.

Dado que o novo real decreto está aínda sen publicar, e que existen dúbidas da súa solidez, a Xunta decidiu adiantar o proceso para ofrecer certezas ás persoas que están a preparar as probas. Deste xeito, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en pechar e aclarar o sistema de oposicións para este ano, ademais de ser a que ten unha interinidade docente máis baixa do Estado, un 8%, fronte ao 25% de media de España.

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2022