A Xunta conclúe o trámite ambiental do Plan especial de protección do centro histórico de Verín que conta cunha achega autonómica de case 85.000 €

A Consellería de Medio Ambiente descarta efectos significativos e non o somete a avaliación ordinaria, aínda que traslada a necesidade de incluír unha serie de determinacións

O obxecto desta ferramenta é protexer, rehabilitar, conservar e poñer en valor o conxunto histórico deste municipio ourensán

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta non espera efectos ambientais significativos no Plan especial de protección e reforma interior do centro histórico e barrio de San Lázaro de Verín, polo que considera que non é necesario sometelo a avaliación ordinaria.

Deste xeito, a redacción deste instrumento, que a Xunta financia con case 85.000 euros, avanza na súa tramitación ao concluír o procedemento ambiental. Así se recolle no Informe ambiental estratéxico, emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, deste plan, cuxo principal obxectivo é protexer, rehabilitar, conservar e por en valor o conxunto histórico de Verín, formado polo centro antigo e o barrio de San Lázaro.

Aínda que non se esperan efecto ambientais adversos, no propio informe sinálanse unha serie de determinacións a ter en conta e que se deben incorporar ao Peprich, como xustificar a incorporación de terreos rústicos de especial protección situados ao norte do barrio de San Lázaro e que está afectadas pola zona de fluxo preferente do río Támega, que debe contar co informe favorable dos órganos sectoriais correspondentes.

Tamén se indica a necesidade de atender á suxestión realizada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de revisar as alturas e fondos máximos de edificación permitidos para que sexan coherentes co carácter de protección do plan, especialmente no barrio de San Lázaro; e ás medidas protectoras e correctoras da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como identificar todos os bens do patrimonio cultural existentes no ámbito e incluír no catálogo, ademais dos recollidos no Peprich anulado de 2003, unha ficha dos existentes na Vía da Prata.

Un último aspecto que se suxire é estudar a ordenación dos contedores de lixo e establecer zonas de aparcamento que liberen de vehículos o centro histórico.

Cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente asinara un convenio de colaboración co Concello de Verín para redactar este plan especial, no que se recolle que a Xunta achegou 84.397 euros ata 2021, mentres que o Concello destinou 9.377 euros.

Data de actualización: 15/01/2022