A Xunta concede axudas para a boa gobernanza a máis de mil comunidades de montes veciñais en man común por un importe que supera os 6,1 M€

Parte do financiamento desta convocatoria -a primeira desta natureza- provén do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, unha novidade no ámbito forestal galego e nacional

Isto demostra a aposta do Goberno galego pola dinamización da xestión dos montes veciñais en man común, favorecendo dinámicas de boa gobernanza, e polo fomento da xestión forestal sustentable e profesionalizada, en liña co Plan Forestal de Galicia

A Consellería do Medio Rural tramitou xa ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros noutras diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos no ano 2021

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas para o impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común a 1.056 beneficiarias por un importe de máis de 6,1 millóns de euros. Son obxecto de axudas un total de 1.870 expedientes, xa que cada comunidade beneficiaria pode ser subscritora de máis dun expediente. Esta convocatoria do ano 2021 é a primeira desta natureza.

Deste xeito amósase a aposta decidida da Xunta pola dinamización da xestión dos montes veciñais en man común, favorecendo dinámicas de boa gobernanza, e o fomento da xestión forestal sustentable de xeito profesionalizado en liña co establecido na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara a neutralidade carbónica”. Así, no eixo III deste documento (xestión forestal e loita contra o abandono do monte) inclúense, entre outros, o programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal acaba de informar de xeito electrónico a concesión destas axudas, que van dirixidas a catro tipos de actuacións. En primeiro lugar, as referidas ao apoio técnico profesionalizado á xestión forestal, con subvencións á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal aprobados. Tamén se contempla sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

En segundo termo, prevense achegas para esbozos, que se concretarán, por exemplo, na revisión daqueles que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. A terceira liña de axudas refírese aos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades. A cuarta actuación que se subvenciona ten que ver cos deslindamentos parciais entre as comunidades e terreos de particulares, coa mesma finalidade que a anterior.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do ano 2022. Unha vez aprobada a modificación do financiamento das axudas da convocatoria, as actuacións número 1 (Apoio técnico) e número 2 (Esbozos), están financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, o cal constitúe unha novidade no ámbito forestal de Galicia e do conxunto de España.

Tal e como se contemplaba na orde orixinal, as actuacións número 3 (Deslindamentos parciais entre as comunidades) e número 4 (Deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais en man común e terreos de particulares) están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Datos por provincias

Todas estas axudas van destinadas exclusivamente as comunidades de montes veciñais en man común inscritas no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común regulado na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Se analizamos os beneficiarios por provincias, na da Coruña aprobáronse 124 expedientes a 85 comunidades, por un importe total de case 400.000 euros; na de Lugo deuse luz verde a 656 expedientes correspondentes a 328 beneficiarios, por un orzamento conxunto de máis de 2,1 millóns de euros; na de Ourense aprobáronse 650 expedientes a 367 comunidades de montes veciñais en man común por un importe total de case 2,1 millóns de euros e, finalmente, na provincia de Pontevedra foron 440 os expedientes aprobados, de 276 comunidades por un valor de máis de 1,5 millóns de euros.

Respecto aos obxectivos das axudas, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal persegue a posta en valor dos montes veciñais en man común para contribuír á fixación de poboación no rural, así como á multifuncionalidade destes terreos e ao desenvolvemento sostible dos recursos mediante instrumentos de ordenación ou xestión forestal que axuden na anticipación aos lumes.

Nesa liña, búscase ademais incrementar o número de montes con certificación forestal baixo os sistemas PEFC ou o FSC, contribuír á loita contra o cambio climático mediante unha xestión axeitada que fixe mellor o carbono e reduza as emisións á atmosfera e, por último, fomentar a consolidación das masas de especies frondosas autóctonas, xa que os montes que alberguen este tipo de masa forestal que estean rexistradas ou en proceso de inscrición no rexistro correspondente terán prioridade para acceder ás axudas.

Cabe sinalar que os montes veciñais en man común constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente, en Galicia. De aí a importancia de apoiar o seu labor.

Segundo os datos do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte. Segundo os distritos forestais, o rango da superficie media varía de 92 a 430 ha. As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva, aínda que a distribución dos montes veciñais en man común non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Por outra banda, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros, noutras diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos no ano 2021. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2020 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 15/01/2022