O Diario Oficial de Galicia publica hoxe tamén o procedemento establecido nas convocatorias para este ano

A Xunta designa o tribunal para as probas de aptitude profesional para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realizará un total de 6 convocatorias de exames de distintas categorías, aproximadamente unha cada dous meses

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e a data e hora publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de 10 días hábiles á celebración do primeiro exercicio

Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E)

O certificado de aptitude profesional reforza as garantías de seguridade e transparencia e incrementa a profesionalización e a competitividade no sector do transporte

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a composición do tribunal para o desenvolvementos das probas de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada.

A resolución de nomeamento do tribunal para obter o certificado do CAP, integrado por cinco membros da Dirección Xeral de Mobilidade, inclúe a convocatoria das probas para este ano 2022. No seguinte enlace ao DOG de hoxe pode consultarse a información: https://bit.ly/3tryocp .

A Xunta realizará ao longo do ano 2022 un total de 6 convocatorias para a obtención do CAP, aproximadamente unha cada dous meses. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal dentro do calendario publicado no DOG do pasado día 9 de decembro, segundo se recolle no seguinte enlace: https://bit.ly/309Lhf7

O prazo de inscrición para a primeira convocatoria pechouse o pasado día 7 de xaneiro, correspondendo ao tribunal a fixación da hora e data dos exercicios desta e seguintes convocatoria das probas, que se realizarán en Santiago de Compostela. A mesma será publicada na web da dirección xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio: https://bit.ly/3DFaJa7

Na mesma páxina web e na resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas publicaranse as instrucións que deben cumprir as persoas aspirantes en relación coa crise sanitaria da Covid-19.

 

A proba

As persoas admitidas nas convocatorias para obter o certificado de aptitude profesional serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, debendo presentarse á realización das probas provistas de DNI o documento acreditativo da súa identidade.

O tempo para a realización do exame será de 2 horas, valorándose con 1 punto as respostas correctas, e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. Para aprobar o exame será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade.

O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.

Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/01/2022