O ano 2021 foi seco e cálido en Galicia, que suma xa nove anualidades consecutivas con temperaturas medias máis altas do habitual

O avance do informe climatolóxico anual de MeteoGalicia conclúe que nas estacións galegas máis representativas rexistrouse unha anomalía positiva de 0,32 graos

Febreiro, abril e decembro de 2021 foron meses climaticamente moi cálidos, mentres que o único que se pode caracterizar como moi frío foi xaneiro

Con relación ás precipitacións rexistradas na Comunidade, foi un ano seco aínda que houbo grandes contrastes, con períodos moi húmidos, como os de febreiro e xuño, e outros moi secos, no caso dos meses de marzo e de novembro
 

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O ano 2021 caracterizouse en Galicia por ser un período seco e cálido desde o punto de vista climatolóxico. De feito, a temperatura media rexistrada foi de 13,93 graos, o que supón unha anomalía positiva de 0,32 graos con respecto ao valor agardado, a mesma tendencia detectada na Comunidade durante os últimos nove anos.

Estas son as principais conclusións do resumo do informe climatolóxico de 2021 elaborado por MeteoGalicia a partir dos datos das estacións máis representativas da Comunidade así como da súa evolución, considerando o período de referencia 1981-2010.

No que respecta ao comportamento das temperaturas, o ano foi cálido no seu conxunto aínda que con bastantes contrastes se se analiza o comportamento de cada mes. Neste sentido, febreiro, abril e decembro foron meses moi cálidos, mentres que o único que se pode caracterizar como moi frío foi o de xaneiro.

Así, a tónica xeral no caso de abril e decembro foi o predominio do tempo anticiclónico, mentres que en febreiro a razón de que fora máis cálido do agardado debeuse ao paso por Galicia de sucesivas frontes con vento do suroeste que trouxeron asociado masas de aire morno e moitas nubes.

Pola contra, o único mes tipificado como moi frío foi o de xaneiro, algo que se debeu, principalmente, ás baixas temperaturas que caracterizaron os primeiros 15 días do período, durante os que houbo varios avisos de nivel laranxa por baixas temperaturas, sobre todo na provincia de Ourense.

Nove anos cálidos consecutivos

A explicación ao feito de que, no seu conxunto, o ano pasado poida considerarse cálido en Galicia hai que buscala tanto nas temperaturas mínimas —cunha anomalía positiva de 0,33 graos respecto do habitual— como nas máximas —que tamén acabaron o ano con valores medios cálidos, 0,30 graos por riba do esperado—.

En calquera caso, non son datos extraordinarios xa que 2020 presentou unha temperatura media bastante máis alta que a de 2021 —por riba dos 14,5 ºC— e a tendencia a rexistrar anos máis cálidos do normal en Galicia se mantén de forma constante desde 2013.


Precipitación media

Segundo os datos de precipitacións recollidos nas estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade, nos últimos 12 meses o volume de chuvias rexistradas foi menor do agardado, polo que 2021 debe considerarse, en xeral, un ano seco. En total a precipitación media en Galicia para a serie rexional foi de 1.206 L/m2, o que significa que choveu un 6% menos do que cabería esperar.

Non foi, en todo caso, un período excepcionalmente anómalo en canto ás chuvias e, de feito, non hai que remontarse moi atrás para atopar un precedente máis seco, xa que en 2017 o déficit hídrico na Comunidade galega foi do 24%.

Aínda así e ao igual que ocorreu no caso das temperaturas, o comportamento de 2021 presentou notables contrastes entre uns meses e outros. Deste xeito, houbo períodos moi húmidos, como foi o caso de febreiro e xuño, e outros moi secos, concretamente marzo e novembro.

O paso continuo de sucesivas borrascas no que respecta ao mes de febreiro, e unha segunda metade de xuño caracterizada por episodios de inestabilidade, que deixaron aire frío e chuvias moi cuantiosas, explican que ambos foran períodos moi húmidos.

Pola contra, o predominio do tempo anticiclónico durante case todo marzo e unha tónica moi similar en novembro explican que ambos períodos do ano pasado remataran con poucas xornadas de chuvia e unha pluviosidade escasa, polo que se consideran meses moi secos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/01/2022