A Xunta e a Universidade da Coruña impulsarán accións formativas conxuntas en tecnoloxías emerxentes

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Coruña na sinatura dun protocolo xeral entre o seu departamento e a entidade académica que permitirá articular convenios de colaboración no eido da formación durante os próximos catro anos

Lorenzana sinalou que a iniciativa supón “un paso máis” para a mellora e diversificación da cualificación profesional en Galicia e destacou a necesidade de seguir afianzando a colaboración académica e científica
 

A Coruña, 17 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron hoxe na Coruña un protocolo xeral de colaboración entre ambas as dúas institucións, que servirá como base para proxectos futuros de desenvolvemento de accións formativas para o emprego, en concreto, no ámbito das tecnoloxías emerxentes, no que a Xunta está a incidir. O protocolo permitirá articular convenios de colaboración no eido da formación durante os próximos catro anos.

A Xunta e a Universidade comprométense, deste modo, a fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos campos da docencia e a formación, dentro daquelas areas nas cales ambas as dúas teñan interese manifesto.

A conselleira sinalou que esta iniciativa supón “un paso máis” para a mellora e diversificación da cualificación profesional en Galicia, “optimizando a conexión entre universidade, formación para o emprego e mercado de traballo”. Lorenzana destacou a necesidade de seguir reforzando e afianzando a colaboración académica e científica para potenciar as sinerxías nos eidos da docencia universitaria e da formación para o emprego.

Estudio de tecnoloxías emerxentes

O protocolo hoxe asinado facilitará o intercambio de profesionais e docentes e promoverá a participación conxunta en proxectos e programas de investigación. A cooperación materializarase ademais no desenvolvemento de programas de formación de persoal técnico e/ou docente, no asesoramento mutuo entre Xunta e a universidade herculina ou no intercambio de publicacións e materiais de investigación.

A Xunta está a rematar un estudo específico sobre as necesidades formativas en tecnoloxías emerxentes do mercado galego de traballo. Trátase de afinar nas necesidades de formación que esixe o contexto actual en materia de novas tecnoloxías en 15 sectores estratéxicos.

Con esta iniciativa, Galicia quere adiantarse para dar resposta axeitada á transformación de determinados postos de traballo e perfís profesionais que se están a requirir. Entre as necesidades xa detectadas, cumprirá afondar na aprendizaxe constante, na progresiva incorporación de perfís tecnolóxicos e de formación dixital ao mercado, e no recoñecemento de novas competencias como as vencelladas coa bigdata, a intelixencia artificial ou a realidade aumentada, entre outras.


 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/01/2022