O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias visitou en Porto do Son este pasteiro incluído na primeira fase do Plan de pastos de Galicia

A Xunta executa un pasteiro de case 31 hectáreas en Porto do Son para establecer unha área cortalume nunha zona afectada habitualmente polos incendios

Cun investimento próximo aos 145.000 euros, esta actuación levouse a cabo tras a solicitude da Comunidade de montes veciñais en man común de Baroña

Na segunda fase do Plan de pastos, a Xunta creará 75 ha de pasteiros por case 200.000 euros na provincia da Coruña, concretamente na Pobra do Caramiñal e en Muros

No conxunto de Galicia, actuarase nunha trintena de pastos que suman preto dun milleiro de hectáreas, tras os 14 pasteiros dun total de 500 ha da primeira fase

Neste 2022, a Xunta investirá 4,8 millóns de euros ao abeiro do Plan de pastos, o que supón un aumento dun 58% con respecto ao destinado o ano pasado
 

Compartir
  • whatsapp

Porto do Son (A Coruña), 17 de xaneiro de 2022.- A Xunta vén de executar un pasteiro de case 31 hectáreas nos montes veciñais en man común de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, para establecer unha área cortalume nunha zona afectada habitualmente polos incendios forestais. Así, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisou hoxe estes traballos levados a cabo no marco da primeira fase do Plan de pastos de Galicia, cun investimento próximo aos 145.000 euros.

Os referidos labores localizáronse nos lugares sonenses de Raña, Calvelle e Udres. En concreto, consistiron na implantación e recuperación dos pastos coa previa preparación do terreo, a súa fertilización e a sementeira de especies pratenses para o alimento do gando. Posteriormente, colocáronse e melloráronse os cercados perimetrais, establecéronse pasos canadenses e dotouse á comunidade de montes dunha manga de manexo.

Cabe apuntar que na primeira fase do Plan de pastos se executaron 14 pasteiros en montes veciñais galegos que superaban en total as 500 hectáreas. Na segunda fase, está previsto duplicar as cifras, actuando nunha trintena de pasteiros que suman preto dun milleiro de hectáreas.

No caso da provincia da Coruña, executaranse 75 hectáreas de pasteiros por preto de 200.000 euros. En concreto, actuarase nos concellos da Pobra do Caramiñal e Muros para aumentar a base territorial das explotacións ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.

Cómpre engadir que o Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases coas que está previsto traballar nunhas 2.250 hectáreas da nosa comunidade, cun investimento total duns 9,5 millóns de euros. Neste 2022, a Xunta destina 4,8 millóns de euros ao dito Plan, o que supón un aumento dun 58% con respecto ao consignado o ano pasado.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 17/01/2022