O titular do Goberno galego visitou esta mañá a nova biblioteca pública municipal de Salvaterra de Miño, rehabilitada con cargo a esta iniciativa

Feijóo afirma que a Xunta seguirá apostando polo fermosismo galego cun Plan Hurbe que ten mobilizado desde a súa posta en marcha 150 millóns en 320 actuacións

Salienta que neste 2022 o plan continuará cunha dotación de 7 millóns de euros “para mellorar, humanizar e coidar”

Incide na rehabilitación como elemento clave para dinamizar os centros históricos, atraer turistas e activar o comercio

Afirma que a Xunta continuará mellorando a contorna de Salvaterra con traballos como a humanización da Fortaleza, cuxas obras prevén un orzamento de 500.000 €

Sobre a Plisan, lembra que aos máis de 140 M€ investidos nesta plataforma, sumaranse outros 90 M€ para finalizar as obras e acometer a súa conexión ferroviaria

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 17 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá apostando polo fermosismo galego, cun Plan Hurbe que ten mobilizado desde a súa posta en marcha, hai máis dunha década, 150 millóns de euros en 320 actuacións.

Nesta liña, e durante unha visita á nova biblioteca pública municipal de Salvaterra de Miño, rehabilitada con cargo a este programa, Feijóo recordou que neste 2022 o plan continuará cunha dotación de 7 millóns de euros “para mellorar, humanizar e coidar”.

“Estamos a falar de axudas para que tanto concellos como particulares reduzan os impactos paisaxísticos dalgunhas construcións, apostando pola rehabilitación de vivendas e edificios para dar unha segunda, terceira ou cuarta vida a inmobles de carácter histórico, cultural ou situados en zonas de obrigada protección”, aseverou, incidindo na rehabilitación como elemento clave para dinamizar os centros históricos, atraer turistas e activar o comercio.

Sobre este punto, referiuse á nova biblioteca municipal de Salvaterra de Miño, antiga Casa do Concello, como exemplo deste compromiso ao que se suman outras iniciativas levadas a cabo pola Administración autonómica no municipio, entre as que destacan: a creación da área recreativa de Teáns, a recuperación de espazos degradados, axudas para renovar contedores de residuos ou o estudo de especies invasoras no Miño.

“E seguiremos traballando para mellorar a contorna de Salvaterra e a calidade de vida dos seus veciños”, engadiu, referíndose aos traballos da Xunta na conservación da illa Fillaboa, como socia no Proxecto Interrexional Miño Navegable, no que o Concello está ao fronte; e á humanización da Fortaleza, cuxas obras, que prevén un orzamento de 500.000 euros, comezarán unha vez que teñan todos os permisos.

O presidente do Executivo galego aproveitou o acto para, en relación á Plisan, lembrar que aos máis de 140 millóns de euros investidos nesta plataforma, sumaranse outros 90 millóns para finalizar as obras e acometer a súa conexión ferroviaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/01/2022