O CIS Olimpia Valencia elevará por riba dos 20 millóns de euros o investimento da Xunta en centros de atención primaria en Vigo dende 2009

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, expuxeron os detalles do contrato de obra cuxa licitación se publica hoxe

O Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 supuxo a creación de 22 novas prazas de profesionais nos centros de saúde da cidade
 

Vigo, 17 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, explicaron hoxe, na sede da Delegación Territorial, os detalles da licitación do contrato de obra do novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia, que hoxe se fai pública no Portal de Contratos Públicos de Galicia. Segundo o conselleiro, trátase dunha obra que vai ser transformadora non só dende o punto de vista asistencial senón, tamén, dende o punto de vista urbanístico, e remarcou que o investimento da Xunta na atención primaria en Vigo, dende 2009, con este nova infraestrutura, supera os 20 millóns de euros.
As empresas interesadas na execución deste contrato, licitado por algo máis de 12,8 millóns de euros, teñen de prazo ata o vindeiro 21 de febreiro para presentar as súas ofertas. O inicio das obras está previsto unha vez conclúa o traslado á Cidade da Xustiza dos servizos e o persoal da Audiencia Provincial e os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.
O CIS Olimpia Valencia é, -tal e como destacou García Comesaña-, a primeira obra que se licita do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado en outubro pasado polo Consello da Xunta, e que contempla 51 actuacións, coa posta en marcha nos vindeiros anos de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14.

Prestacións do novo centro

Segundo explicou o conselleiro, o proxecto definido desenvolve un edificio acolledor, cunha envolvente que garanta a posibilidade de que a gran maioría de postos de traballo e estancia dos pacientes dispoñan de luz natural e contacto co exterior, permitindo a visualización dos exteriores e zonas axardinadas. Prevese tamén a apertura de ocos nos forxados para enriquecer os espazos interiores con dobre alturas e maior permeabilidade á entrada de iluminación de luz natural, e na súa construción primará a eficiencia enerxética e o uso de materiais reciclados.
O centro albergará servizo de urxencias, unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 consultas de pediatría, 8 de enfermería pediátrica, 2 consultas de odontoloxía, área da muller, rehabilitación con fisioterapia, telemedicina, administración e base do 061.
Dende o punto de vista asistencial, a nova infraestrutura, que substituirá ao centro de saúde de López Mora, dotará á zona de servizos que non existían, como fisioterapia ou odontoloxía, aos pacientes de centros próximos.
Tamén remarcou o conselleiro outros investimentos sanitarios xa realizados pola Xunta no Concello de Vigo, entre os que citou o centro de saúde de San Paio de Navia, con 4,3 millóns de investimento; os 1,2 millóns do centro Taboada Leal; e os 1,4 millóns destinados ao centro de saúde de Bouzas, ademais das reformas do de Lavadores, da Rúa Cuba e de Coia.
Tal e como incidiu García Comesaña, a atención primaria de Vigo non só tivo reforzos en infraestruturas senón, tamén, en persoal. Así, o Plan Galego de Atención Primaria creou, nos centros de saúde da cidade, 22 novas prazas de profesionais, das que 19 están cubertas. Son cinco prazas máis de medicina de familia, dez máis de enfermería e catro máis de fisioterapia.

Compromiso coa atención primaria e con Vigo

O compromiso da Xunta de Galicia coa atención primaria, non só en Vigo senón tamén no conxunto de Galicia, está patente nuns orzamentos, -dixo o conselleiro- nos que os fondos para persoal deste nivel asistencial soben respecto ao ano pasado, e están 100 millóns por riba dos de hai 12 anos. No que atinxe a obras, os presupostos deste ano para o capítulo de investimentos en primaria contan con 34,3 millóns de euros, os segundos máis altos dos últimos 16 anos, só superados polos do ano pasado con 54 millóns de euros, ao incorporar un fondo covid.
Nesta partida orzamentaria de 34,3 millóns de euros, García Comesaña remarcou que 2,3 están reservados para a primeira anualidade prevista desta gran obra que será o CIS Olimpia Valencia.
O titular da carteira sanitaria dixo que nos orzamentos deste ano a Xunta destina preto de dez millóns de euros para os hospitais públicos de Vigo. En concreto, catro son para as obras de climatización do Meixoeiro, tres para equipamento electrónico no Álvaro Cunqueiro, e 2,6 para a reforma de varias unidades deste hospital.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 17/01/2022