A Xunta axilizará a análise para declarar a primeira área de rehabilitación integral de Cortegada

Ángeles Vázquez salienta que anualmente se convocan axudas para estes ámbitos que benefician tanto a particulares como a concellos

Sinala que Galicia apostou “fortemente” por este programa de actuación, coa declaración de 76 ARI municipais e tres supramunicipais, nas que se mobilizaron 185 millóns de euros nos últimos 25 anos
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia dará prioridade ao estudo e análise do proxecto presentado polo Concello de Cortegada para a declaración da súa primeira área de rehabilitación integral (ARI).

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Avelino de Francisco, co que mantivo recentemente unha audiencia para coñecer por pormenores deste proxecto, xa aprobado polo pleno do Concello, co que se pretende rehabilitar un ámbito do municipio ourensán.

Agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo analizará a documentación para destacar requirir novos expedientes, de ser o caso, e sobre todo cotexar que a proposta se adapta aos criterios para declarar unha ARI rural, pensadas para concellos de menos de 5.000 habitantes, tal e como é o caso de Cortegada.

Deste xeito, os veciños poderán beneficiarse dos incentivos que anualmente se destinan ao abeiro do programa de áreas de rehabilitación integral e que só nos de 2021 repartiu 10,2 millóns de euros entre 40 ARI de 22 municipios.

Ángeles Vázquez lembrou que os municipios tamén poden acceder aos incentivos para recuperar espazos públicos nos que se localicen vivendas a rehabilitar, con axudas de ata 2.000 euros por cada vivenda na que se actúe.

Por último, destacou que Galicia é unha Comunidade que apostou “fortemente” por este programa, como demostran as 76 ARI municipais e tres supramunicipais declaradas, nas que se mobilizaron 185 millóns de euros nos últimos 25 anos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/01/2022