O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá de forma telemática na reunión do Consello Forestal de Galicia

A Xunta avanza na Lei de Loita integral contra os incendios forestais de Galicia avalada por un amplo consenso tanto co servizo de prevención como coas universidades

O Consello Forestal coñeceu da man da Universidade de Vigo as directrices que servirán de punto de partida para a elaboración do anteproxecto desta lei, como paso previo ao inicio da tramitación da norma que se prevé ter aprobada neste 2022

O Goberno galego tamén someteu á consideración do órgano colexiado as previsións relativas á revisión do marco normativo que regula os montes veciñais en man común, contemplada dentro dos contidos do Plan Forestal de Galicia

Así mesmo, o Consello Forestal coñeceu os datos do balance de incendios forestais na nosa comunidade correspondente ao ano 2021, no que se rexistraron 954 lumes -dos cales 138 tiveron a categoría de incendio forestal- que afectaron algo máis de 4.400 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta está a avanzar na elaboración da Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia avalada por un amplo consenso tanto co Servizo de prevención e defensa contra o lume como coas universidades galegas. Así se constatou na reunión telemática celebrada hoxe polo Consello Forestal, presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González, e na que tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.
A norma, que se prevé ter aprobada este ano, ten como principal obxectivo protexer as persoas, os bens e a riqueza forestal da nosa comunidade. Xorde do consenso parlamentario reflectido na Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, constituída para avaliar a experiencia acumulada dende 2006, así como das súas conclusións recollidas no correspondente Ditame e do posterior informe elaborado por un grupo de expertos.
Froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas, este labor derivou nunhas directrices que servirán de punto de partida para a elaboración do anteproxecto de lei e que hoxe se presentaron ao Consello Forestal como paso previo ao inicio da tramitación da norma. Así, na reunión tamén estiveron presentes o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, e José Antonio Vega, ex-investigador do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e profesor xubilado da Universidade de Vigo, agora coordinador dos grupos de traballo creados para a elaboración da Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia.
Estas directrices establecerán, entre outros principios, a distribución competencial na loita contra o lume. Así mesmo, fundamentarán que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada, composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Ademais, márcase a necesidade de configurar equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior, así como dunha definición máis pormenorizada da figura do director técnico de extinción, que debe contar cun equipo de apoio.

Do mesmo xeito, as devanditas directrices que definen o sistema deben distinguir entre a planificación preventiva e a execución das tarefas de prevención en sentido estrito, e tamén deben contemplar a extinción e a restauración e recuperación dos terreos afectados polos lumes.

A maiores, esta norma debe tamén recoñecer o papel fundamental das brigadas específicas dedicadas a investigación, avalando deste xeito a creación da UIFO, e que ten que coordinar os seus contidos cos das leis de montes e de recuperación da terra agraria, tomando como concepto clave o da xestión do territorio, para acadar esa efectiva anticipación ao lume. Así, as directrices da lei integral fronte o lume definen figuras como as paisaxes cortalumes, que buscan a xeración de descontinuidades na biomasa e que inclúen as áreas e polígonos cortalume da Lei de recuperación, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou as redes de faixas de xestión da biomasa. Tamén se contempla o concepto de paisaxe en mosaico, tan tradicional e vencellado ao territorio galego. Así mesmo, cómpre apuntar que a norma busca dar un impulso decidido á xestión das faixas secundarias mediante a actividade agrogandeira e a plantación de frondosas.

Futura lei dos montes veciñais

A Xunta tamén someteu á consideración do Consello Forestal de Galicia as previsións relativas á revisión do marco normativo que regula os montes veciñais en man común (MVMC). O seu principal obxectivo é o de favorecer un proceso participativo, dentro do sector, para definir os aspectos nos que se considera oportuno traballar, ao respecto desta revisión normativa.

Esta mellora prevese dentro dos contidos do Plan Forestal de Galicia, en eixes como os do desenvolvemento lexislativo e as iniciativas de activación da xestión forestal privada. Así, neste último apartado establécese un programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común que ten por obxecto avaliar a súa situación administrativa e dinamismo de xestión, identificando os puntos clave que a dificultan e establecendo medidas que promovan a reactivación da xestión das terras.

Así, na recentemente aprobada actualización do Plan Forestal enténdese, entre outras moitas consideracións, que se debe revisar a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Isto, en especial, en aspectos coma o desenvolvemento de criterios para declarar o estado de grave abandono na xestión do monte e da figura de extinción da comunidade veciñal na xestión do monte, no réxime xurídico das comunidades e dos montes veciñais e a súa organización e funcionamento.

Tamén se propón reconsiderar a figura actual dos xurados provinciais de clasificación de montes veciñais en man común e a súa composición e afondar, así mesmo, na regulación dos actos de disposición e acordos asemblearios para a repartición de lotes ou sortes.

Balance de incendios de 2021

Por outra banda, o Consello Forestal de Galicia coñeceu na súa reunión de hoxe os datos do balance de incendios forestais correspondente ao ano 2021. Desta forma, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, informou a este órgano sobre a incidencia dos lumes na nosa comunidade. Neste sentido, o director xeral trasladou que no conxunto do ano se rexistraron en Galicia un total de 954 lumes, dos cales 138 tiveron a categoría de incendio forestal, se rexistraron en Galicia un total de 138 incendios, que afectaron unha superficie de 4.405,68 hectáreas.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 18/01/2022