A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuniuse hoxe co alcalde e a tenente de alcalde deste municipio pontevedrés

A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran para impulsar unha aldea modelo no núcleo de Parada de Cerdedo

Os representantes municipais achegaron as sinaturas dos veciños interesados en promover esta iniciativa, que tería un perímetro de 20,5 hectáreas e abranguería unhas 459 parcelas de arredor de 115 titulares catastrais

A intención da Consellería do Medio Rural é aprobar o antes posible esta declaración, co fin de que o núcleo se poida beneficiar das axudas aos concellos, que está previsto convocar en breve, para financiar a mellora dos servizos á poboación rural
 

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran para facer posible a declaración do núcleo de Mouteira-Parada, na parroquia de Parada, como aldea modelo, consonte ao establecido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión de traballo co alcalde deste municipio pontevedrés, Jorge Cubela para impulsar esta iniciativa.

En concreto, os representantes municipais achegaron as sinaturas dos veciños interesados en promover esta aldea modelo, que tería unha superficie, no seu perímetro, de 20,5 hectáreas. O número de parcelas aproximado é de 459 e os titulares catastrais sitúanse arredor dos 115.

A intención da Consellería do Medio Rural é aprobar o antes posible esta declaración, co fin de que o núcleo en cuestión se poida beneficiar das axudas aos concellos, que está previsto convocar en breve mediante a súa publicación no DOG, para financiar a realización de melloras dos servizos á poboación rural nestas aldeas.

A dotación destas subvencións será de algo máis dun millón de euros. Entre as actuacións que serán obxecto de apoio figuran a instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, como prazas, paseos, rúas ou parques infantís e a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións.
 

Data de actualización: 18/01/2022