Un total de tres empresas presentan ofertas para o subministro de catro equipos de mamografía dixital dotados da tecnoloxía 3D, nos que a Xunta investirá 1,2 millóns de euros

Irán destinados ás áreas sanitarias de Santiago e Barbanza, A Coruña e Cee e á de Vigo, para o cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022.- Un total de tres empresas veñen de presentar ofertas para o subministro de catro equipos de mamografía dixital destinados ao cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama. Os novos equipos, nos que a Xunta de Galicia investirá 1,2 millóns de euros, estarán dotados da tecnoloxía dixital 3D (tomosíntese), que reduce a superposición de tecidos, mellorando a taxa de detección e reducindo o número de biopsias. Os centros destinatarios dos catro equipos son, un para o Hospital Gil Casares, na área sanitaria de Santiago e Barbanza; outro para o Hospital Abente e Lago, na área sanitaria da Coruña e Cee, e o Hospital Meixoeiro, da área sanitaria de Vigo, ao que van dous equipos.

Este investimento forma parte dos máis 90 millóns de euros que os Orzamentos da Xunta de 2022 contemplan para a renovación e ampliación de equipamento tecnolóxico na sanidade pública galega (equipos de ecografía, bloques cirúrxicos e diagnóstico por imaxe). Esta aposta nos Orzamentos de 2022 continúa á xa efectuada en 2021, cun Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario dotado con 60 millóns de euros, que permitiu a compra de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci e 37 equipos radiocirúxicos.

Datos do programa

Sinalar que o Programa galego de detección precoz do cancro de mama púxose en marcha no ano 1992 e foise estendendo ata cubrir, no ano 1998, o 100% da poboación obxectivo. Ata o ano 2004, a poboación diana a constituían as mulleres residentes en Galicia de 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir do ano 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no 2009.

Un dos indicadores principais de resultados é a participación, no período 1992-2019 realizáronse 2.704.969 exploracións. A participación global obtida foi do 79,12%. O obxectivo de participación aceptable establecido polas “Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico” é do 70%, acadado polo Programa en todo o período, e o obxectivo desexable é do 75%, conseguido polo programa a partires do ano 2006 de maneira continuada.

Polo que respecta aos resultados da proba de cribado, no período 1992-2019, indicóuselles unha valoración clínica adicional ao 2,9% das mulleres exploradas. No resto das mulleres obtívose un resultado normal da exploración mamográfica.

No que atinxe á taxa de detección de cancro de mama, no período 1992-2018 diagnosticáronse 9.382 cancros entre as pacientes remitidas ao hospital para estudo, unha taxa de detección de 3,68 cancros por 1.000 mulleres exploradas. A taxa de detección (datos provisionais) para o período xaneiro-decembro de 2019 é de 4,46‰.

Nun estudo de supervivencia levado a cabo en mulleres galegas do grupo de idade do programa e diagnosticadas de cancro de mama no período 1996-2009, constatouse que as mulleres diagnosticadas polo programa presentaron mellores resultados que as diagnosticadas ao marxe do programa, cunha supervivencia relativa aos cinco anos do 96,6 % e 83,1% respectivamente.

Polo que respecta ó impacto na mortalidade por cancro de mama en mulleres de 50-69 anos (grupo de idade diana do programa), producíronse 910 menos das esperadas, o que representa una diminución maior do 20% dos casos observados fronte ao que podería esperarse en ausencia de cribado poboacional.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/01/2022