O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta reivindica como un éxito colectivo dos galegos a chegada do AVE a Ourense, pero lembra que segue pendente para o resto da comunidade

Francisco Menéndez explica que para que Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo accedan á alta velocidade son necesarios os trens AVRIL, que non estarán activos ata o verán de 2022

A Xunta pedirá ao Ministerio de Transportes concreción do cambio de ancho de vía internacional da rede ferroviaria, para a entrada de novos operadores que supoñan máis servizos e tarifas menores

Reitera a súa postura a prol da transferencia da AP-9 para proporcionarlles aos cidadáns unha xestión eficiente da vía

O director lamenta que no caso das bonificacións comprometidas para as peaxes no Morrazo e na Barcala, o Goberno central, en vez de defender aos cidadáns, reclama o pago a Audasa das compensacións

Tamén apela á vontade do Ministerio de Transportes para aplicar as mesmas bonificacións da AP-9 na AP-53, que é das autoestradas coas peaxes máis caras de España

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta reivindica como un éxito colectivo dos galegos a chegada do AVE a Ourense, pero lembra que segue pendente para o resto da comunidade.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde salientou que para que Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo accedan á alta velocidade, son necesarios os trens AVRIL para acadar os tempos de conexión comprometidos.

Non obstante, Menéndez lamentou que este requisito, pola información feita xa pública, non estará activo ata o verán de 2022.

Explicou que se Renfe dispuxese dos trens AVRIL, como vén demandando a Xunta, xa se poderían ter liberado os trens AVANT para coordinar as conexións co AVE a Madrid e destinalos a continuar prestando os servizos de primeira hora entre Ourense e A Coruña.

Avanzou que a Xunta tamén solicitará ao Ministerio de Transportes a planificación do proceso de cambio de ancho de vía internacional da rede ferroviaria interior, o que facilitaría a entrada de novos operadores que redundarían en máis frecuencias e menores tarifas.

Estradas

Francisco Menéndez destacou no Parlamento que o Goberno central non só debe completar a alta velocidade en Galicia, senón tamén avanzar en materia de estradas.

Ao respecto, referiuse á AP-9, pois as peaxes desta vía continúan a ser as que máis aumentan cada ano. Así, hai tan só uns días, aplicouse de novo a suba extraordinaria do 1% anual, que o Consello Consultivo de Galicia considerou nulo de pleno dereito.

Recordou que a Xunta tamén vén demandando dende o ano 2009 a transferencia da AP-9 á Comunidade por consideralo beneficioso para a cidadanía e viable desde o punto de vista xurídico.

Apuntou que o Parlamento votou por unanimidade ata 3 veces esta transferencia e o 2 de febreiro de 2021 o Congreso dos Deputados aprobou a toma en consideración da Proposición de Lei. Porén, lamentou que o PSOE a emendara para que seguira pertencendo á Rede de estradas do Estado.

Subliñou que a Xunta insistirá neste cambio de titularidade, que ademais debe materializarse en condicións xustas para Galicia, acompañando o traspaso dos recursos necesarios para a súa xestión.

Tamén fixo referencia ás bonificacións da subvención de peaxe no Morrazo e na Barcala, pois “o Goberno central, en vez de defender aos cidadáns, o único que fai é reclamarlle a Galicia o pagamento a Audasa das compensacións por estas peaxes”.

Ademais recordou que a Xunta vén de poñer na axenda a extensión á AP-53 das bonificacións que se aplican na AP-9, xa que a autoestrada Santiago-Dozón é unha das que ten as peaxes máis altas de España: un custo medio de 7,77 cts/km (sen IVE), fronte aos 6,12 da AP-9, despois das bonificacións, ou os 5,67 das autoestradas autonómicas.

O Executivo autonómico remitiu o 10 de decembro ao Ministerio de Transportes un estudo que cifra en 3,2 M€ o custo de aplicar na AP-53 as bonificacións da AP-9. Neste sentido, o director apelou á vontade do Goberno do Estado, pois só se trata de estender o implantado na AP-9.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2022