A Xunta realiza actuacións preventivas nos montes do distrito forestal VII Fonsagrada-Os Ancares por un investimento duns 86.000 euros

Ditas actuacións consisten, fundamentalmente, en rozas e mellora de pistas forestais en distintas parroquias dos concellos das Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación
 

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural está realizando obras preventivas nos montes do distrito forestal VII A Fonsagrada-Os Ancares por un investimento duns 86.000 euros. Ditas actuacións consisten, fundamentalmente, en rozas aos marxes das pistas en 78 hectáreas e a mellora de pistas forestais nuns 29 quilómetros, aproximadamente.

Estas obras -que comezaron no ano 2021 e remataranse no presente ano- estanse a realizar en montes dos concellos das Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna. As actuacións consisten na roza de faixas auxiliares de pista forestais, co fin de evitar a propagación e diminuír o risco de incendios forestais, así como facilitar o tránsito polo monte dos medios do Servizo de prevención e extinción contra os incendios forestais. Tamén se está a mellorar as pistas de acceso ás zonas forestais, coa instalación de pasos de auga, drenaxes e coa apertura de foxos nos lugares onde é necesario.

Os traballos dividíronse en dous proxectos: por un lado, as obras localizadas nas parroquias de Vilaspasantes, Vilarello e Noceda, no concello de Cervantes; nas parroquias de Santo André e As Nogais, no concello das Nogais; e nas parroquias de Padornelo, Cebreiro, Zanfoga, Riocereixa, Fonfría e Hospital, no municipio de Pedrafita do Cebreiro. Ditos traballos afectan a 37,26 hectáreas e 14,50 quilómetros de pista, por un importe de algo máis de 38.000 euros.

O segundo proxecto localízase nas parroquias de Santa María de Rao, no concello de Navia de Suarna, e nas parroquias da Ribeira, Donís, O Castro, Dorna, O Pando, Quindous e Cereixedo, no municipio de Cervantes. Estas actuacións afectan a 40,52 hectáreas e 14,45 quilómetros de pista, por importe de case 48.000 euros.

Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.
 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 19/01/2022