O titular do Goberno galego presidiu a presentación do Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia en FITUR, e acompañou ás Súas Maxestades Os Reis no seu percorrido inaugural polo expositor da Comunidade

Feijóo afirma que Galicia está enfocada neste 2022 a ser un destino internacional de referencia

Avanza unha nova edición para este 2022 do Bono turístico, con descontos nos hoteis galegos e que, desde a súa posta en marcha, entregou xa 12.000 tarxetas

Co exitoso antecedente do ano pasado, salienta que o Camiño volve ser o mellor antídoto contra a tebra da pandemia e fai unha invitación formal a visitar esta terra: “Sempre é un bo momento para visitar Galicia e sempre hai un sitio para quen desexe coñecela”, di

Incide en que Camiñar a Galicia é facelo cara a un destino de calidade inigualable, marcado por escenarios excepcionais, pola cultura, a gastronomía e a hospitalidade, como exemplifican os 328 establecementos coa Q de calidade turística cos que conta

Recorda que o Goberno galego adaptou os albergues, os locais e as rutas xacobeas á nova situación sanitaria; formou ao persoal; inxectou máis de 120 millóns ao sector hoteleiro; e implantou un seguro coronavirus para dar confianza ao viaxeiro

Afirma que a Xunta seguirá comprometida co sector, que en 2021 fixo posible que a demanda turística na Comunidade crecese 25 puntos máis que a media de España
 

Madrid, 19 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia está enfocada neste 2022 a ser un destino internacional de referencia.

Durante a presentación do Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia en FITUR, onde acompañou ás Súas Maxestades Os Reis no seu percorrido inaugural polo expositor da Comunidade, Feijóo fixo deste xeito unha “invitación formal” a visitar esta terra e desfrutar do Ano Santo, “a festa universal de Europa occidental”. “Sempre é un bo momento para visitar Galicia e sempre hai un sitio para quen desexe coñecela”, abundou.

Nesta liña, afirmou que o que naceu para indicar ao peregrino o final da súa meta -en alusión a lanterna que coroa a Torre do Reloxo da Catedral-, hoxe simboliza unha chama de ilusión por deixar atrás a covid e volver acender o xúbilo do Ano Santo 21-22. “O esplendor do Camiño volve ser o mellor antídoto contra a tebra da pandemia”, recalcou.

Con este obxectivo, recordou que o Goberno galego adaptou os albergues, os locais e o Camiño á nova situación sanitaria; formou ao persoal; inxectou máis de 120 millóns ao sector hoteleiro; e implantou un seguro coronavirus para dar confianza ao viaxeiro. Ademais de avanzar unha nova edición para este 2022 do Bono turístico, con descontos nos hoteis galegos e que, desde a súa posta en marcha, entregou xa 12.000 tarxetas.

Así mesmo, salientou que “nunca antes estiveramos tan cerca de todos e de todo”, referíndose á posta en servizo do AVE Madrid-Ourense.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta fixo fincapé en que Camiñar a Galicia é facelo cara a un destino de calidade inigualable, marcado por escenarios excepcionais, pola cultura, a gastronomía e a hospitalidade, como exemplifican os 328 establecementos coa Q de calidade turística cos que conta.

Sobre este punto, aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido co sector, que en 2021 fixo posible que a demanda turística na Comunidade crecese 25 puntos máis que a media de España; “e acabamos o pasado ano con 180.000 compostelas entregadas, 40.000 máis por riba do obxectivo máis ambicioso que tiñamos”, precisou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2022