O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse co lehendakari, Iñigo Urkullu, e co conselleiro de Educación Jokin Bildarratz

Galicia e Euskadi intercambian experiencias de boas prácticas na formación profesional e estreitan a colaboración para impulsar o seu éxito

O representante da Xunta explica que o seu departamento está a ultimar unha nova Estratexia Galega de FP para avanzar no modelo de calidade destas ensinanzas

Sinala que a FP galega rompeu este curso todos os récords, coa implantación dos novos másteres, arredor de 60.500 matriculados e máis de 160 proxectos de Dual

Vitoria-Gasteiz (Euskadi), 19 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co lehendakari, Iñigo Urkullu, e co conselleiro de Educación de Euskadi, Jokin Bildarratz, unha xuntanza na que se intercambiaron experiencias de boas prácticas na Formación Profesional en ambas as comunidades. A visita institucional, que se desenvolveu nas instalacións da Lehendakaritza e en dous centros educativos, ten como obxectivo estreitar a colaboración para establecer sinerxías que permitan impulsar aínda máis o éxito da FP galega, e que esta tamén poida compartir os seus puntos fortes co modelo vasco.

Neste sentido, o representante da Xunta de Galicia explicou que o seu departamento está a ultimar os detalles dunha nova Estratexia Galega de FP 2021-2025 para seguir avanzando no éxito do modelo destas ensinanzas como unha prioridade estratéxica do Goberno galego. Trátase da folla de ruta para o desenvolvemento destas ensinanzas nos próximos anos que estará centrada na potenciación da rede de centros referentes de FP, nunha oferta flexible e adaptada ás demandas do tecido produtivo e na colaboración co tecido empresarial. Tamén se impulsará a innovación e a dixitalización, a personalización da formación, a FP Dual e a acreditación de competencias; ao tempo que se potenciará a mobilidade.

Así mesmo, Román Rodríguez destacou o éxito da implantación en Galicia dos másteres de FP, por primeira vez este curso. “Un total de 13 titulacións, nas que se matricularon 370 estudantes, en sectores punteiros que van facilitar que os alumnos se especialicen en profesións de alto valor engadido e se insiran mellor no mercado laboral”.

O conselleiro de Educación transmitiu ás autoridades vascas que a decisión de implantar estes novos títulos nace da necesidade de avanzar e dar un paso máis na escalada de calidade que as ensinanzas de FP teñen experimentado na última década. “Froito disto, este ano superáronse todos os récords, con arredor de 60.500 alumnos matriculados, un crecemento de máis do 70% respecto do ano 2008”. Ademais, “por primeira vez a FP Dual supera os 160 proxectos en marcha e os máis de 2.000 alumnos”, incidiu.

No encontro participaron, así mesmo, o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, e o viceconselleiro de Formación Profesional do Goberno vasco, Jorge Arévalo.

Centro Galego de Innovación da FP

Co gallo da visita a Tknika, o Centro de Innovación e Investigación Aplicada de FP Euskadi, Román Rodríguez apostou por abrir unha vía de colaboración entre este espazo e o Centro Galego de Innovación da FP, cuxa construción se está a rematar na cidade de Ourense.

A este respecto sinalou que “os propósitos de ambos centros son similares e podería establecerse unha interesante retroalimentación entre eles, tendo en conta ademais que sería posible traballar desde Ourense e desde Errentería con empresas de todo o norte de España”, dixo o conselleiro. “Podería ser unha gran oportunidade, tanto para a FP galega e vasca, como para os sectores produtivos”, engadiu.

Ademais de Tknika, a delegación galega visitou o CIFP Miguel Altuna de Bergara, un centro de referencia que, tal e como indicou o conselleiro “pon de relevancia que o futuro da Formación Profesional pasa pola especialización en Centros Integrados coma este, precisamente a estratexia que levamos anos implementando en Galicia”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2022