A Xunta aposta por potenciar o turismo da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través dunha ruta fluvial no Miño

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe en Fitur o proxecto “Río Miño, un destino navegable”, incluído no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e que conta cun orzamento de 1,1M€

A iniciativa permite reforzar a cooperación transfronteiriza coa creación desta ruta fluvial, a mellora da navegabilidade do río e a disposición de medios de transporte fluviais e terrestres

Madrid, 19 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer hoxe na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid o proxecto Río Miño, un destino navegable, que ten como finalidade desenvolver o potencial turístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa creación dunha ruta fluvial mellorando a navegabilidade do río Miño e a conectividade nesta zona, ao mesmo tempo que suma un novo reclamo para os turistas xunto co Camiño de Santiago.
Á presentación tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández Tapias, respectivamente.
O proxecto conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros que se financiará con Fondos Feder no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e está promovido polos concellos galegos de Salvaterra do Miño e Tui cos portugueses de Monçao e Valença. Entre as iniciativas que se van poñer en marcha destacan as accións para mellorar a navegabilidade do río Miño ao longo de 16 quilómetros, entre a ponte internacional de Valença-Tui e a ponte internacional de Monçao-Salvaterra, así como a modernización dos embarcadoiros, a sinalización do río no canle navegable, a dotación dunha embarcación turística e de educación ambiental ou as actividades de promoción e consolidación da marca Visit Río Miño.
A intervención ofrece un plus ao atractivo turístico do Camiño Portugués, a segunda ruta máis transitada o ano pasado ao concentrar case a cuarta parte dos peregrinos que selaron a Compostela, con máis de 40.000 certificacións.
Trátase dun exemplo máis da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal que conseguiu captar a través do Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión ata 163 millóns de euros para a posta en marcha de 85 proxectos, polo que co obxectivo de continuar nesta liña xa se aprobou en xullo do ano pasado o novo PIC para o período 2021-2027.
Alfonso Rueda confía en que Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece neste Dobre Ano Santo e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/01/2022