A Xunta arranca a campaña de 2022 da PAC co obxectivo de axilizar procedementos de xestión e control e o pagamentos das axudas

José Balseiros tamén mantivo un encontro esta semana co presidente do Fondo Español de Garantía Agraria, con quen tratou o marco lexislativo da futura PAC e as novidades que presenta a campaña deste ano

Neste 2022, o número total de beneficiarios estímase en 25.000, que solicitarán pagos por importes superiores a 210 millóns de euros (170 millóns de achegas directas e 40 millóns de axudas ao desenvolvemento rural) ao Fondo Galego de Garantía Agraria
 

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de manter un encontro telemático con representantes das distintas entidades de aconsellamento que apoian a Xunta na campaña de 2022 das axudas da Política Agraria Común (PAC), co obxectivo de axilizar tanto os procedementos de xestión e control como os pagamentos. Calcúlase que uns 25.000 agricultores e gandeiros se beneficiarán destas achegas o presente ano recibindo un importe superior aos 210 millóns de euros (170 millóns de axudas directas e 40 millóns de achegas ao desenvolvemento rural).

Na xuntanza, tratáronse as novidades que presenta esta campaña das axudas da PAC - xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga)- para que estean ao dispor das Oficinas Agrarias Comarcais e das máis de 50 entidades colaboradoras que se encargarán de tramitar as solicitudes de achega na nosa comunidade. Así, no encontro participaron representantes dos bancos e das entidades de aconsellamento que prestarán apoio ás persoas interesadas nestas axudas, ademais das asociacións agrarias ou das organizacións profesionais do sector.

Deste xeito, o director xeral deixou patente que -ao igual que aconteceu como novidade na campaña anterior- os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

A maiores, José Balseiros resaltou que se deu por concluída a implantación do sistema de control coñecido como monitorización que será obrigatorio na nova PAC e que consiste en utilizar as novas tecnoloxías e as imaxes de satélites para realizar un seguimento continuo de todas as superficies declaradas no 100% das solicitudes, co obxectivo de determinar se existe actividade agraria. Así, tras a introdución paulatina dos diferentes concellos, este ano 2022 realizarase monitorización xa en toda a comunidade autónoma.

Reunión co presidente do FEGA

A maiores, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo esta semana un encontro co presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), Miguel Ángel Riesgo, co que tamén tratou as novidades desta campaña da PAC.

Así, na reunión falouse das aplicacións informáticas a disposición dos beneficiarios para levar a cabo distintos trámites, da monitorización que xa estará habilitada para toda Galicia pero tamén de novas capas que estarán dispoñibles no Sistema de Información Geográfica de Parcelas Agrícolas (Sigpac) do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Na xuntanza tamén abordaron o marco lexislativo da nova Política Agraria Común.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/01/2022