Feijóo anuncia que a Xunta financiará a creación de 30 novas casas do maior para acadar os 113 centros repartidos por toda a Comunidade

Increméntanse un 25% as prazas de casas do maior existentes e auméntanse as axudas ás 18 que levan tres anos en funcionamento

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta financiará a creación de 30 novas casas do maior para acadar os 113 centros que prestan este servizo en concellos do rural galego.

Logo de salientar que “o principio reitor do sistema de dependencia en Galicia é que os maiores poidan decidir libremente como e onde se fan maiores”, Feijóo incidiu en que “lle damos un novo pulo a este recurso de conciliación e atención” cun investimento de 3 millóns de euros.

Deste xeito, increméntanse un 25% as prazas de casas do maior existentes e, ademais, aumentan as axudas ás que levan tres anos en funcionamento. Segundo explicou o presidente da Xunta, incrementamos un 25% a axuda anual que perciben, pasando dos 19.600 euros actuais aos 24.200 euros. Tamén haberá un financiamento extra de 5 euros por persoa/día para facerse cargo do desprazamento.

Para concluír, Feijóo lembrou que nas casas do maior, “fórmula pioneira en España”, se atende de xeito totalmente gratuíto a 5 persoas maiores durante un máximo de 8 horas diarias de luns a venres, con flexibilidade horaria e garantías de seguridade e calidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/01/2022