A Xunta destaca o potencial enogastronómico de Galicia para atraer turistas e reforzar a comunidade como destino de calidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron na presentación de “Galicia sabe a estrelas” con recoñecidos chefs, onde destacaron a excelencia da cociña galega grazas á calidade dos produtos e a profesionalización do sector

Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos

Rosa Quintana puxo en valor os produtos do mar como un dos reclamos da gastronomía galega para os visitantes e salientou o labor que realizan as arredor de 50.000 persoas que viven en Galicia do mar e ofrecen aos consumidores recursos da máxima calidade

Madrid, 20 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron hoxe na presentación de Galicia sabe a estrelas, xunto co chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau de O Grove, o único con dúas Estrelas Michelin de Galicia. No acto destacaron que a combinación de materias primas de primeira calidade e a profesionalización do sector da hostalería sitúa a Galicia como destino enogastronómico de excelencia, o que explica que a gastronomía sexa o segundo motivo, despois da natureza, escollido polos turistas para visitar a comunidade.
Na presentación tamén participou o director da Axencia da Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e os delegados territoriais da Xunta.
O vicepresidente primeiro explicou que así o acreditan as 16 Estrelas Michelin concedidas este ano a 15 restaurantes galegos, xunto cos 25 incluídos na categoría big gourmand e 3 con estrela verde polo seu compromiso coa sustentabilidade. Tamén lembrou que o Camiño de Santiago é un reclamo para dar a coñecer a gastronomía galega e puxo como exemplo a comida solidaria Estrelas no Camiño de Santiago, impulsada por Casa Barqueiro de Negreira e apoiada pola Xunta no marco da programación do Xacobeo 21-22, que reuniu o pasado agosto un ano máis a 17 restauradores con Estrelas Michelin co dobre obxectivo de poñer en valor o potencial da cociña de Galicia no contexto da celebración do Ano Santo e destinar os fondos obtidos a Cáritas Santiago.
Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece neste Dobre Ano Santo e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.
Nesta liña, lembrou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.
Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.
A conselleira do Mar, pola súa banda, puxo en valor os produtos do agro e do mar de Galicia e salientou que na comunidade hai arredor de 50.000 persoas que viven do mar e que se afanan no día a día por poñer a disposición dos consumidores produtos da máxima calidade, como demostraron incluso nos momentos máis duros da pandemia. Por iso, animou a todos os presentes a que cando coman un peixe, un marisco ou abran unha lata de conserva pensen que están ante un exemplo de esforzo, saber facer e mesmo dun xeito de vida para milleiros de persoas galegas.
Rosa Quintana tamén incidiu en que a gastronomía é unha das fortalezas do turismo en Galicia e que nese ámbito os produtos do mar teñen moito que dicir da man dos grandes cociñeiros que hai na comunidade. Nesta liña, salientou que o Camiño de Santiago é un sinal de identidade de Galicia, “unha Galicia que sabe a estrelas e que tamén sabe amar”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/01/2022