O encontro entre o presidente galego e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións serviu tamén para presentar o proxecto que Xunta e Goberno central porán en marcha para axudar á inclusión social das familias con menos recursos e con nenos

Feijóo e Escrivá acordan que a Xunta e o Goberno central xestionen conxuntamente o Ingreso Mínimo Vital

A fórmula sería semellante á que xa se emprega coas pensións non contributivas

O presidente da Xunta recalca que o pacto é positivo para unificar as rendas mínimas que están á disposición dos galegos

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, acordaron hoxe que a Xunta e o Goberno central xestionen conxuntamente o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Trátase dunha fórmula que xa se emprega coas pensións non contributivas, nas que os fondos proveñen da Administración Xeral do Estado e a tramitación e pagamento aos beneficiarios depende da comunidade autónoma.

“Galicia xestiona 37.000 pensións non contributivas, polo que pensamos que o Ingreso Mínimo Vital debería funcionar dunha forma parecida, é dicir, a través dunha xanela única para todos os cidadáns”, explicou Feijóo, incidindo en que esta fórmula será boa para o Goberno central, para a Administración autonómica e, sobre todo, para os cidadáns. Esta coxestión levarase a cabo, tal e como puntualizou o presidente, con “solidariedade e lealdade”.

“Esperemos que nas próximas semanas poidamos ter un texto no que avanzar”, afirmou Feijóo, recalcando que este acordo é positivo para unha xestión eficiente do gasto público e para unificar as rendas mínimas que están á disposición dos galegos.

O encontro entre o titular do Executivo galego e o ministro Escrivá serviu ademais para presentar o proxecto que Xunta e Goberno central porán conxuntamente en marcha para axudar á inclusión social das familias con menos recursos e con menores a cargo.

Cun investimento de 10,7 millóns de euros e máis de 1.700 familias beneficiarias, estes fogares terán a súa disposición un apoio social personalizado, destinado a achegar estabilidade e certezas á familia e a apoiar a traxectoria escolar dos nenos. Dentro deste acompañamento desenvolveranse medidas como clases de reforzo escolar, asesoramento para mellorar a empregabilidade, cursos para a xestión da economía doméstica ou de promoción de hábitos saudables e axudas directas para o pago do aluguer, compra de gafas ou facturas de dentista.

“Creo que esta iniciativa é unha boa colaboración entre dous gobernos para xuntos impulsar a inclusión. Unha iniciativa útil para depender o menos posible da Risga ou do ingreso Mínimo Vital, para buscar un traballo e ter así un salario que permita abandonar esa situación”, abundou.

Ao longo do encontro, Feijóo referiuse tamén á reforma do sistema de cotización dos autónomos e á necesidade de que as cotizacións se axusten aos ingresos; así como a importancia de que España avance cara a un sistema de pensións que garanta a cohesión interxeracional, un elemento que esixe un sistema con vocación de permanencia.

Por último, o responsable do Executivo galego trasladou ao ministro Escrivá a necesidade de contar cunha política de retorno activo por parte da Administración Xeral do Estado, como piar fundamental das medidas de reto demográfico. “Nos vindeiros anos necesitaremos poboación activa, capacidade de produción e que mellor que impulsar unhas políticas activas de emigración en favor dos españois residentes no exterior; españois que emigraron e que os seus fillos naceron na diáspora, pero que teñen pasaporte da Unión Europea”, dixo, recordando as iniciativas que, neste eido, está a desenvolver a Comunidade co fin de facilitar o regreso dos galegos do exterior.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/01/2022