O Gaiastech Cloud pon á disposición das empresas unha solución de ciberseguridade que axuda na avaliación da vulnerabilidade de sistemas informáticos

Está dispoñible de xeito gratuíto na web do GaiasTech, e aloxada la nube para facilitar o proceso de proba e aprendizaxe

É a undécima solución de software libre instalada no GaiasTech Cloud

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publicou na súa web unha nova aplicación na nube dentro do GaiásTech Cloud, que xa está a disposición das empresas e das persoas usuarias para a súa proba e avaliación. Trátase de OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System) que, como o seu nome indica, é un software que axuda na avaliación de vulnerabilidades dun sistema informático. Trátase do compoñente principal da solución de software libre Greenbone Security Assistant, desenvolvida pola empresa Greenbone Networks, que tamén ten outras solucións non libres baseadas en OpenVAS, seguindo o modelo open-core.

Con OpenVAS poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectivos dunha forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas, recibindo actualizacións destas diariamente.

Aplicacións na nube a través do GaiásTech Cloud


A través do GaiásTech Cloud, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado.

A vantaxe desde servizo é que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito, facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade da ferramenta e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.

Ata o momento, as solucións dispoñibles no GaiásTech Cloud, ademais de OpenVAS son as seguintes: Rocket.Chat, solución de traballo colaborativo; Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e compartición de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de seguimento de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; Taiga, unha plataforma para a xestión de proxectos áxiles; e a tenda en liña con WordPress.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que solicitar as sexan do seu interese a través da páxina do GaiásTech: https://gaiastech.xunta.gal/gl/gtech-cloud

GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/01/2022